Final entre os irmáns Muñoz nun Campionato de España de Kenpo con 32 podios arousáns
Vilagarcía de Arousa
Os sete deportistas do club de Vilagarcía volveron de Almuñécar con 17 títulos
18 Nov 2024. Actualizado a las 19:43 h.
O Kenpo Vilagarcía volveu demostrar un ano máis ser o club de referencia que leva anos sendo no Campionato de España Absoluto, desta volta, nunha cita celebrada o pasado sábado en Almuñécar (Granada). Os sete deportistas cos que competiu volveron a casa con 32 medallas, a metade de ouro, con dous dos kenpocas do club arousán protagonizando o posiblemente momento máis singular do torneo, cos irmáns Pedro e Pablo Muñoz Fole enfrontándose na final polo título de Semikenpo -75 quilogramos sénior, con triunfo do primeiro.
Pedro Muñoz sumou ademais os ouros nas modalidades de kata, de kobudo e de fullkenpo -75 quilogramos, conseguindo o bronce en submission. O seu irmán engadiu os bronces en defensa persoal e fullkenpo -75 quilos e en submission -75 quilos, modalidade esta última na que tivo que retirarse ao saírselle un ombreiro nunha caída durante unha proxección.
Martín Pintos Gutiérrez, con cadanseu título en kata por equipos absoluta, defensa persoal júnior, semikenpo sub 21 -85 quilos, fullkenpo sénior -80 e submission sénior -80, foi o deportista do Kenpo Vilagarcía máis laureado neste Campionato de España.
Con máis medallas, seis, pero sen tantos ouros, completaron a súa participación en Almuñécar dous kenpocas arousáns. Sergio Alba Vázquez foi campión en submission sénior -65 quilos e en kata por equipos absoluta, prata en kobudo sub-21 e bronce en defensa persoal sénior e, en categoría sub-21 -65 quilos, en semikenpo e en fullkenpo. Pola súa banda, Damián Murga Loroño gañou os ouros en kata por equipos absoluto e defensa persoal júnior, as pratas en kobudo júnior e semikenpo júnior -70 quilos, e os bronces en kata júnior masculino e semicontinuo -70 quilos.
Con catro podios concluíron o Nacional Carolina Diamela Claramount Silva e Sergio Vidal Santos. Ela, gañando os títulos en submission sénior -70 quilos e, en sub-21 -75 quilos, en semikenpo e semicontinuo, figurando no segundo posto do medalleiro en fullkenpo sénior -70 quilos. Sergio Vidal, pola súa banda, fíxose na categoría júnior de -75 quilos co ouro en submission júnior, coa prata en fullkenpo e cos bronces en semicontinuo e en semikenpo.