La Voz de Galicia

A ximnasia rítmica suma un novo club na comarca: o Arabesque de Vilanova de Arousa

Vilanova de Arousa

<span lang="gl">As promotoras do club e o alcalde de Vilanova de Arousa, onte presentando a nova entidade deportiva na casa do concello</span>

A entidade ofrece equipo de competición, escola deportiva e actividade extraescolar en dous centros da localidade

01 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

As rapazas e os rapaces de Vilanova de Arousa teñen desde este curso unha nova opción para a práctica deportiva. Da man das súas impulsoras e co alcalde coma anfitrión na casa do concello, onte presentouse o Club Rítmica Arabesque de Vilanova de Arousa, que se suma á cada vez maior nómina de entidades dedicadas á ximnasia rítmica na comarca.

O novo club nace como un tres por un, ao partir cunha escola deportiva, cun equipo de competición e cunha oferta extraescolar nun par de centros do municipio, o CEIP San Roque de Corón, con clases os xoves de 17 a 18 horas, e o CEIP Viñagrande de Deiro, coa actividade impartíndose os venres de 16 a 17 horas.

Os interesados en iniciarse na ximnasia rítmica a través da escola deportiva do Arabesque poden facelo os mércores, de 16 a 17 horas, no pavillón multiusos municipal, mentres que as e os deportistas do equipo de competición vilanovés adestran os mércores ás 18 horas e os venres ás 21 no pavillón de Viñagrande de Deiro.

O alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, lanzou unha mensaxe pública aos seus veciños e veciñas animándoos a probar a ximnasia rítmica da man do Arabesque porque, lembra, «el deporte es salud».

 

Vías de contacto

Para os que estan dispostos a facelo, o novo club pon á súa disposición a súa páxina en Facebook, Club Rítmica Arabesque Vilanova, a súa conta en Instagram, @ritmicaarabesque, e un número de contacto vía wasap, o 694 230 751.


Comentar