Barbantia artella novas canles de difusión para a cultura da bisbarra
Barbanza
29 Oct 2005. Actualizado a las 07:00 h.
No acto desenvolvido na casa de cultura de Lousame, o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello, anunciou a presentación, o vindeiro sábado, da páxina web da entidade. Do mesmo xeito, comunicou que en decembro sairá do prelo o primeiro anuario do colectivo, sobre o que dixo que supuxo un enorme esforzo para todos os que axudaron a que axiña se convirta nunha realidade. Por outra banda, Riveiro Coello eloxiou o apoio que desde sempre dou o Concello de Lousame aos investigadores e aos seus estudos. «Desde o principio, Santiago Freire foi un dos alcaldes máis ilusionados co noso proxeto, incluso propuxo a creación dun fondo común entre os concellos para apoiar aos investigadores», manifestou o responsable de Barbantia. O rexedor lousamiano, Santiago Freire, ratificou o seu compromiso coa cultura e felicitou á asociación polas súa intensa actividade. No tocante ás diferenzas entre homes e mulleres, o alcalde amosouse convencido de que se acadou certo grao de igualdade e aseverou que o chamado sexo débil vai pasar a ser en breve o dominante. Nunha interpelación moi en sintonía co pensamento de Teresa Moure, a concelleira de Cultura, Teresa Villaverde, agradeceulle á novelista que demande un espazo propio e diferente para as mulleres. «Grazas por non comulgar con tópicos, por crer e manifestar que outra linguaxe é posible; queremos a igualdade como persoas, pero non unha igualdade como fotocopia do sexo dominante, senón como persoas con sexo de muller que teñen dereito a ser diferentes no seu sentir e soñar a realidade, pero iguais en dereitos e oportunidades», expresou Villaverde. En representación de La Voz, interviu Sara Ares, quen desculpou a ausenza do delegado en Barbanza, Ramón Ares, e incidiu na relevancia histórica e cultural que ten o municipio de Lousame. O acto rematou cun concerto de trombón a cargo de Fernando Froján, acompañado ao piano por Prudencio Romo.