La Voz de Galicia

A Xunta premiou ao equipo de remeiras de Cabo de Cruz

Barbanza

Cousas da xente O club conquistou na tempada 2005 o campionato de España de bateis

06 Oct 2006. Actualizado a las 07:00 h.

A sección feminina do Club de Remo de Cabo de Cruz, que preside Benigno Silva , foi recoñecida pola Consellería de Cultura e Deporte como o mellor equipo de mulleres da tempada 2005. A titular deste departamento autonómico, Ánxela Bugallo , e o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez , felicitaron ás deportistas de Boiro polos seus logros e fixéronlles entrega dunha escultura e dun diploma no transcurso dunha gala que tivo lugar en Santiago. As remeiras de Cabo de Cruz quedaron o ano pasado campioas de España na modalidade de bateis. Difusión da vila O Concello de Noia, que preside Antonio Pérez Insua , participa estes días no Salón do Turismo de Galicia que baixo o nome de Ferpalia se celebra en Pontevedra e que hoxe chega á súa fin. A edición deste ano estivo dedicada aos conxuntos histórico-artísticos e por ese motivo o goberno noiés apostou por instalar un expositor para promover os moitos encantos que agocha a zona monumental da vila. Os concelleiros de Turismo e Obras, María Freire e José Pérez Martínez , respectivamente, estiveron presentes no acto de inauguración e puideron constatar o éxito que tivo entre o público o material de promoción que levaron á cidade do Lérez. Un fóra de serie O xogador do equipo Arena de Boiro José Manuel Giance proclamouse campión do torneo de dardos organizado polo establecemento sonense Cantina da Lúa ao impoñerse na final a Dani Martínez . Homenaxe a un poeta A Tasca Típica serviu de escenario para un acto no que Galiza Nova, que coordina en Noia Macías López , rendeu tributo a Antón Avilés. Xoán Mariño , Ramón Blanco e Manolo del Río leron poemas seus.


Comentar