La Voz de Galicia

Unha oenegué en expansión

Barbanza

Marta Gómez

A organización ConTacto, nada en Boiro, ofreceu unha charla en Ribeira para dar a coñecer os seus servizos

24 Mar 2010. Actualizado a las 02:00 h.

Hai poucos meses que botou a andar, pero Boiro xa comeza a quedarlle pequeno á organización ConTacto, de asesoramento aos inmigrantes. Por iso, está dando xa os primeiros pasos para expandirse pola bisbarra organizando charlas informativas para darse a coñecer: «Si queremos llegar a los colectivos a los que nos dirigimos, tenemos que salir a buscarlos», explicaban dende a entidade.

Ribeira foi a primeira parada dos responsables da organización no seu intento por ampliar o ámbito de acción. No conservatorio levaron a cabo unha reunión que serviu, por unha banda, para explicar que tipo de servizos ofrecen -sobre todo asesoramento xurídico para os inmigrantes- e por outra, para presentar ao equipo que traballa dende ConTacto en favorecer a integración das persoas que chegan á comarca dende doutros países.

Segundo indicaban na entidade, o seu traballo consiste «en dar información, especialmente sobre la ley de extranjería, que es de lo que adolecemos los inmigrantes». Trátase sobre todo de dar indicacións sobre os trámites que se deben cumprimentar, que documentos son necesarios ou mesmo a que oficina deben dirixirse en función das súas necesidades.

Municipios limítrofes

Esta ansia de chegar a persoas afincadas nos municipios próximos a Boiro non é un capricho, senón que en ConTacto son conscientes de que se trata dunha necesidade. De feito, dende a organización falan de casos que lles remiten dende os departamentos de Servizos Sociais de lugares coma Rianxo ou Noia.

A expansión da entidade está comezando coas charlas informativas, pero, a máis longo prazo, os seus responsables non descartan instalar unha oficina en algún outro concello. Bos candidatos para a creación desta nova sede serían os da bisbarra de Noia, porque están máis lonxe de Boiro e porque «son también los más desinformados».

De feito, a organización está en contacto con estes concellos e, por exemplo, co noiés ten previsto desenvolver distintos tipos de actuacións, entre outras razóns porque este municipio conta cuns grupos senegalés e peruano significativos.

En canto a futuras accións, dende ConTacto preparan unha charla sobre a nacionalización das persoas que están en situación regular e tamén unha gala benéfica en favor das vítimas do terremoto de Chile.


Comentar