«Coñecer a linguaxe de signos é o futuro nas oficinas de turismo»
Barbanza
08 Jul 2010. Actualizado a las 02:00 h.
A boirense Ángeles Tubío estudou un ciclo superior de turismo. Rematada esta formación, decidiu ampliar o seu currículo achegándolle a titulación de Técnica Superior en Interpretación de Linguaxe de Signos.
-¿Por que decidiu estudar Turismo?
-Elixín estes estudos porque son unha persoa curiosa. En Turismo aprendes moito, porque tes que estar ao día. É un traballo que te cultiva como persoa.
-¿Cal é o perfil do turista que visita Boiro?
-O perfil maioritario é o de matrimonios nacionais de clase media que son alugadores de pisos durante as vacacións de verán ou propietarios de segundas residencias no municipio. Por outra parte, dos turistas estranxeiros, destaca a presenza de franceses. En xeral, pódese dicir que non é o tipo de turismo que deixe moitos cartos.
-¿Que tipo de información se demanda na oficina de turismo?
-Normalmente pregúntase por actividades organizadas, praias... Nós suxerimos que visitar e damos explicacións de forma personalizada.
-¿Como inflúe neste traballo o coñecemento da linguaxe de signos?
-Agora, se o usuario o reclama, ofrécense visitas guiadas gratuítas con intérprete de linguaxe de signos polo concello, o que é un valor engadido. Considero que coñecer a linguaxe de signos é o futuro nas oficinas de turismo.