Creación artística entre fogóns
Barbanza
A familia ribeirense propietaria do Rincón de Basela sempre aplicou nos seus negocios a filosofía de renovarse ou morrer, lema que os levou ao éxito
25 Jul 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Con 14 aniños, María chegou a Ribeira dende Pereiro de Aguiar (Ourense) para axudar ao seu pai na xoiería Nespereira, un negocio familiar atendido hoxe polos seus irmáns. No ano 1982 decidiu alugar un local para abrir un supermercado, pero xa no 67 se estreara como empresaria cunha pequena boutique para nenos. Cando comezou a ter dificultades co supermercado, decidiu probar unha nova alternativa: «As grandes cadeas comezaron a instaurarse en Ribeira e nós non lle podíamos facer fronte, nese momento, decidimos adaptarnos aos tempos que corrían, cambiando o noso negocio».
María foi unha visionaria, sabía que o local que tiña alugado no 11 da rúa Pérez Galdós podía dar para moito: «Estábamos no caleixón da movida, por iso decidimos aproveitar o tirón e abrimos unha cervexería, a cal funcionou moi ben. Tan só un ano despois, inauguramos o pub Cúpula e así seguimos varios anos. No ano 92, démonos conta de que tiñamos unha parte do local sen utilizar, polo que decidimos montar o restaurante, local que fomos remodelando ata conseguir un aforo para 150 comensais. Abrir o restaurante foi unha decisión acertada, pois a partir do 2002 a movida trasladouse a outras rúas da cidade».
María traballou moitos anos no restaurante, pero hoxe en día, é a súa filla Ana Pego, licenciada en Filoloxía Inglesa, quen está a cargo dos negocios: «Desde sempre botei unha man nos negocios familiares, aínda así, á hora de elixir a carreira nunca me plantei estudar nada relacionado coa hostalería. Na época de universitaria viña os fins de semana e axudáballes no pub. Ao rematar a carreira, compatibilicei durante 12 anos o traballo nunha academia co traballo nos negocios familiares. Hoxe en día, son eu quen rexenta o restaurante, porén miña nai aínda me segue asesorando e dando directrices».
Non se dedica ao que estudou, pero Ana Pego está satisfeita: «Sácolle proveito indirectamente á miña formación, sobre todo no trato con algún turista estranxeiro. Para min, traballar nun negocio familiar é todo vantaxes, se un se organiza ben pódese gozar dun horario flexible e ter máis tempo libre que nunha empresa allea».
Clientes de sempre
Nai e filla comentan que dende a apertura do restaurante, hai clientes que acoden día tras día. «Ata o ano pasado abríamos todos os días, pero o ano pasado, para o descanso do persoal, decidimos tomar a determinación de pechar os domingos. Algúns clientes de toda a vida, amigos da familia, comentáronnos que como facíamos iso, que a onde ían ir comer os fines de semana... en fin, nós tomámolos a broma, pero temos moi claro que por eles nunca pecharíamos», sinala Ana Isabel.
A día de hoxe, o restaurante o Rincón de Basela funciona á perfección. Ana Isabel Pego a comenta que clientela segue aumentando. Ao preguntar polo éxito empresarial, María Nespereira é rotunda en dicir que é fundamental detectar rápido os cambios, así coma, ofrecer sempre produtos de calidade.