«A arquitectura deume os alicerces para pintar»
Barbanza
Este docente afeccionouse á pintura, ata convertela na súa principal paixón. Agora, os seus traballos están ao alcance de todos os veciños
12 Aug 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Nos anos setenta, Adelino Soler (A Pobra, 1949) marchou á cidade de A Coruña para estudar Arquitectura Técnica. Posteriormente, comezou a traballar de docente e dende hai oito anos, a pintura converteuse na súa principal paixón. Este mes de agosto expón parte das súas obras no Liceo da Pobra.
-¿Como chegou ao mundo da pintura?
-Dende sempre me gustou debuxar, porén hai oito anos que me volquei niso, cando teño un momento libre é o que fago.
-¿Que técnicas utiliza?
-Normalmente pinto a óleo, de feito, a maior parte dos meus cadros son pintados con esta técnica, porén, tamén teño feito algún cadro a espátula. É algo que estou experimentando. Por outro lado, a acuarela atráeme moito, sobre todo pola luminosidade que permite recrear. É unha técnica difícil, pero gustaríame practicala máis no futuro.
-¿Cal é o seu estilo?
-O meu estilo é figurativo. Os cadros que pinto baséanse en fotografías que quito con anterioridade.
-Dígame o seu principal referente
-En xeral podería dicir que os impresionista. Como dicía Degas, o que busco é plasmar os trazos da realidade que se poden recordar, é dicir, aquilo máis significativo. Gústame facer pinturas que capten o esencial.
-¿Cantas horas pinta ao día?
-Podería dicir que semanalmente dedícolle un total de seis horas. O meu tempo é limitado.
-¿Ter coñecementos de debuxo técnico influíu na súa afección?
-A verdade é que si. A arquitectura deume os alicerces para pintar. Pódese dicir que nunca partín de cero, pois na miña profesión é básico ter coñecementos de debuxo técnico. Hai aspectos, como a perspectiva ou a profundidade, que se aplican tanto no campo técnico coma no artístico. A min foime doado traspasar esta fronteira.
-¿Recibiu algunha vez clases de pintura artística?
-A grandes trazos podo dicir que son autodidacta, aínda que teño que confesar que acudín a algunha clase para praticar o tema da cor.
-¿Como se ve na pintura na volta duns anos?
-A pintura é unha das cousas que máis me satisfacen. En principio, non teño metas. O que me gustaría sería dedicarlle máis tempo cando estea retirado.
-¿Participou nalgún concurso de pintura?
-Non, no único concurso que participei foi un de fotografía da Universidade da Coruña. O que si teño feito son exposicións.
-¿De que vai a exposición que ten no liceo da Pobra?
-Teño expostas 14 obras. Todas elas son óleos. Hai un pouco de todo, paisaxe, retratos... con temáticas diferentes.
-Fáleme da súa firma
-Ah...si, isto é algo curioso. Normalmente eu firmo como Axeitos, porén o meu apelido é Ageitos. O que fago é galeguizar o meu apelido. Foi unha cousa que se me ocorreu un día, fíxome graza, e dende aquela sempre asino desta maneira, menos cando fago algún cadro para regalar, neste caso asino como Adelino.
-¿Dá a posibilidade de comprar os seus cadros?
-Si. Nas exposicións dou a posibilidade de comprar todos os cadros menos os que son retratos de familiares. Estes últimos non quero que saian do entorno privado.