«O medo escénico pérdese despois de ter tocado tres pezas»
Barbanza
Tras formarse na Escola Municipal de Música de Boiro, Ouviña e catro compañeiros animáronse a crear o grupo folclórico Algarabía.
02 Sep 2010. Actualizado a las 02:00 h.
Henrique Ouviña é un pobrense de 58 anos, afeccionado a música dende sempre. Este mariñeiro, reconvertido posteriormente a camioneiro, puido cumprir o soño de tocar nun grupo de gaitas hai cousa de ano e medio. A día de hoxe, leva vivindo media vida na localidade de Boiro.
-¿Dende cando quixo ser gaiteiro?
-Dende moi pequeno, sempre me gustou a música. Por cousas da vida tardei en ter a posibilidade de formarme musicalmente, pero sempre foi algo que tiven moi presente.
-¿Cando comezou a súa formación?
-Haberá tres anos que empecei a ir a Escola Municipal de Música. Aí foi onde aprendín a tocar a gaita.
-¿Implica moito esforzo o aprendizaxe musical?
-Sendo sincero, teño que dicir que si, especialmente cando se está a falar de aprender a tocar a gaita, no caso deste instrumento, é un proceso de aprendizaxe continuado.
-¿Canto tempo é necesario para ter certo dominio do instrumento?
-Como mínimo seis meses, se se practica diariamente polo menos unha hora. Normalmente ao principio apréndese a tocar a frauta doce, o manexo é moi similar ao da gaita, é como un tipo de adestramento para coller axilidade nos dedos. Logo pásase a tocar as pezas na gaita, aí o asunto complícase, xa que hai que controlar o aire do fol, pero non é imposible, a todo se aprende.
-¿Canto tempo practica semanalmente?
-Normalmente vou un día á semana a tocar dúas horas na Escola Municipal de Música, pero ademais diso, practico co grupo durante hora e media, día si día non, nun local que temos na Changuiña.
-¿Cal foi a primeira peza que aprendeu?
-Unha peza que é moi sinxela e bonita á vez, chámase a Muiñeira de Patelas .
-¿Como se animou a formar un grupo de gaitas?
-Foi unha idea que xurdiu nos ensaios da escola de música, hai máis ou menos ano e medio. Falando con catro compañeiros, animámonos a formar a agrupación.
-¿Que me pode comentar do medo escénico?
-O medo escénico é algo que sempre se ten no principio de todas as actuacións, pero este pérdese despois de ter tocado tres pezas.
-¿Toca algún instrumento máis que a gaita?
-Si, en Algarabía toco o bombo.
-¿Que instrumento lle gusta máis?
-A verdade é que a gaita, pero o bombo tamén é moi bonito. Tocar o bombo implica moita responsabilidade, porque marca o tempo do resto de instrumentos.
-¿Que tipo de repertorio toca Algarabía?
-Normalmente tocamos temas tradicionais, pero adaptámonos un pouco a todo. Tocamos xotas, muiñeiras, rumbas...
-Dígame cal é a súa peza preferida
-Hai un montón delas, non podo decidirme, así que vou dicir unhas cantas. Entre as miñas preferidas están: O son da sega, Carballal, A Camposa, Quen teña viño ou A rumba dos cinco mariñeiros .
-¿Ve a música como unha actividade de lecer ou como unha saída profesional?
-En principio tocamos porque o vivimos e o levamos no sangue. Si nos contratan para tocar en festas ben, pero senón non pasa nada. O que a min máis me gratifica é cando facemos unha xuntanza na que a xente toca, canta e baila.
-¿Cre que á mocidade lle gusta a música tradicional?
-Por suposto. Tan só hai que ver como nas festas con gaiteiros os mozos non paran de brincar, bailar e dar palmas.