La Voz de Galicia

Da investigación ó deporteAntón Rodríguez Gallardo (Calcadoiro, Boiro, 1964) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Compostela e autor dunha ampla obra sobre a república e a guerra civil

Barbanza

25 Nov 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Foi membro fundador da Asociación Galega de Xóvenes Xeógrafos e participou na redacción do Diccionario Galego de Xeografía. En 1990 comezou a publicar traballos de investigación no ámbito da etnografía e da historia de Boiro, sendo o período da Segunda República e a guerra civil española as súas principais liñas de actuación. Rodríguez Gallardo foi coautor do libro Xentes de letras do Barbanza (1993) e autor das seguintes publicacións: Boiro nas súas festas de verán. Dos anos vinte ata a actualidade (1999), Unha homenaxe a Ramón Fernández Mato no Boiro republicano (2004), A Segunda República e a Guerra Civil no Barbanza (2005), Memorias dos últimos días da Segunda República en Boiro (2004).

Rodríguez Gallardo escribiu, ademais, artigos sobre asociacionismo político e sindical en Boiro durante a República (2003), As eleccións boirenses de Deputados a Cortes de novembro do 33. Un proceso marcado pola violencia (2005), O Escarabote vivido pola poeta María Mariño (2007), Incidencia en Boiro da Folga Revolucionaria de outubro de 1934 (2009) e O catolicismo político boirense no bienio republicano (1931-33), no 2011.

Este historiador boirense tamén publicou artigos nos xornais La Voz de Galicia, El Correo Gallego e tamén, en diferentes revistas comarcais, numerosos traballos relacionados coa economía, a historia, o deporte, a política e a sociedade de Boiro e o Barbanza.

Posúe unha estreita relación con Barbantia xa que foi socio fundador desta asociación e coordinador da sección A Historia do seu suplemento. Ten aportado moito material a este caderno mensual escribindo sobre acontecementos pasados, semblanzas biográficas, e incluso facendo algunhas incursións na narrativa con relatos curtos como A virxe anicrada e Unha sotana indultada.

No seu día foi coordinador de varias revistas locais como os Cadernos culturais de Boiro, a revista Folía ou Quentadela, que editou a Concellaría de Deportes de Boiro.

Traballa no Departamento de Deportes do Concello de Boiro dende o ano 1994. A súa filla Elvira, a arte, a historia e o deporte son as súas grandes paixóns.


Comentar