Barbantia aposta pola continuidade nun ano incerto
Barbanza
Pastor Rodríguez relevará a Alberto Piñeiro en calidade de coordinador
31 Jan 2012. Actualizado a las 07:00 h.
A asociación Barbantia, que acaba de cumprir sete anos de intensa actividade, afronta o 2012 coa intención de continuar axitando culturalmente os municipios barbanceses, o que non deixa de ser todo un reto en tempos de recortes orzamentarios por parte das Administracións, que poñen o eido creativo á fronte dos aspectos nos que aforrar. Así se desprende da asemblea anual que o colectivo celebrou en Rianxo, aproveitando a fin de semana que a vila dedicou ao recordo do seu fillo máis ilustre, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Suso Laíño, presidente de Barbantia, explicou que a entidade pretende manter a súa colaboración cos grandes acontecementos culturais que teñen lugar no territorio que conforma o seu ámbito de funcionamento, como o encontro anual de creadores, a publicación do Anuario de Estudos do Barbanza, a convocatoria dos premios Sereo, así como a elaboración do suplemento cultural que cada fin de mes (menos en xullo e agosto) se publica nas páxinas na edición do Barbanza de La Voz de Galicia, e que este ano vai acadar o número 75 no mes de maio, o que dará pé ao terceiro recompilatorio.
Presentacións de libros
Coincidindo coa publicación mensual de catro páxinas, feita integramente con aportacións de socios e colaboradores da organización, tamén se desenvolverán presentacións de libros, para o que Barbantia pretende que se acheguen á comarca tanto os autores como os editores. Con esta metodoloxía, a entidade conseguiu que acudiran aos municipios de Barbanza os escritores máis vangardistas da literatura galega actual, así como outros máis veteranos, convertendo cada encontro mensual nun interesante coloquio, aderezado con interpretacións musicais de agrupacións e artistas da comarca.
O máximo responsable de Barbantia, Suso Laíño, sinalou que na entidade son conscientes das limitacións coas que se van atopar ao longo do 2012, xa que se están a anunciar por activa e por pasiva drásticos recortes en todas as Administracións, non obstante mostrouse esperanzado en que organismos como a Deputación e os concellos valoren o papel da asociación na súa xusta media e colaboren con ela para espallar un movemento que se está a converter en canteira de novos creadores.
Cambio na directiva
Entre as novidades máis destacables desta nova andaina que acaba de empezar figura a designación de Xoán Pastor Rodríguez, exalcalde de Porto do Son e socio fundador de Barbantia, como coordinador da entidade, en substitución de Alberto Piñeiro, que xa pedira o relevo en varias ocasións. Esta elección confirma que a asociación aposta pola continuidade, xa que Rodríguez Santamaría ven formando parte das directivas de Barbantia desde a súa fundación no ano 2004.
No transcurso da asemblea xeral, os asistentes foron informados do estado de contas, así como da planificación anual, mentres que no apartado de cambios na xunta directiva só se produciu o que afecta ao relevo na coordinación.