La Voz de Galicia

Tres premios sereos buscan dono

Barbanza

MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

Xulio Gutiérrez, Mar de Noia e Quico Cadaval son as novidades

20 Oct 2013. Actualizado a las 07:00 h.

O último trimestre do ano, como xa ven sendo costume, é o máis intenso para a Asociación Cultural Barbantia. Neste período, fállanse os Premios Barbantia da Cultura, simbolizados na figura do Sereo feito en cerámica de Sargadelos. Os socios están a recibir (ou recibiron estes días) a circular cos finalistas, que son os dous de cada modalidade que non obtiveron o agasallo o ano pasado, máis outros tres novo.

Desta volta, as incorporacións son Xulio Gutiérrez Roger, profesor de Bioloxía e un dos responsables da colección Animales extraordinarios, da editorial Kalandraka, da que, hai uns meses, presentou a última entrega, con textos da súa autoría, titulada Ocultos, sobre as peripecias dos animais para confundirse no medio, para cazar ou para evitar ser cazados. Figura na sección Traxectoria Cultural no Barbanza, onde ten como rivais ao mestre e historiador sonense Manuel Mariño del Río; e ao tamén docente e historiador ribeirense Daniel Bravo Cores.

No premio á iniciativa cultural no Barbanza, a novidade é a Asociación Mar de Noia, entidade que está a facer un gran labor etnográfico, froito do cal reflotouse o histórico balandro Joaquín Vieta e montouse o museo Mar de Noia, onde se poden ver interesantes pezas e antigos motores mariños. Este colectivo vai ter como competidores o Ateneo Valle-Inclán de Ribeira e a asociación de discapacitados Ambar, que tamén optaron ao sereo no 2012.

No que se refire ao premio da Cultura Galega 2013, este ano entra na terna o ribeirense Quico Cadaval, unha eminencia no colectivo dos contacontos galegos. Actor, director e guionista, e incluso responsable de interpretación no Gran hermano portugués. Este ribeirense terá enfronte a dúas noiesas: a escultora Soledad Penalta, cuxa obra é coñecida e apreciada a nivel internacional; e a incansable investigadora Aurora Marco, ademais de profesora, que leva toda unha vida indagando no pasado das mulleres que sufriron os rigores dunha ditadura que non conseguiu agochalas.

Prazo de entrega

Os socios teñen de prazo para entregar as papeletas coas súas propostas ata o 15 de novembro. Tanto poden envialas por correo ordinario á sede de Barbantia, como depositalas na urna que se habilitará nos actos que a organización cultural vai celebrar tanto o vindeiro venres 25 deste mes, no local Leñaverde de Boiro, como noutros que se desenvolvan no período de votacións.

Precisamente, o acto mensual da asociación Barbantia que vai ter lugar o día 25 estará centrado na presentación dun novo libro do presidente fundador da entidade e directivo actual, Antón Riveiro Coello. Trátase de Acordes náufragos, publicado pola Editorial Galaxia, firma que probablemente estará representada polo seu director xeral, Víctor F. Freixanes.

Por outra banda, nas papeletas de votación, a entidade reserva un apartado para recoller suxestións de premiados de cara xa á convocatoria do vindeiro ano 2014, apartado que vai pegado xunto coas votacións correspondentes a este ano.


Comentar