Trinta creadores compartirán as súas experiencias no blog «Café Barbantia»
Barbanza
22 Dec 2013. Actualizado a las 07:00 h.
A Asociación Cultural Barbantia acaba de estrear nova plataforma creativa, o blog Café Barbantia, no que trinta creadores compartirán experiencias para goce quen o desexe. A entidade que preside Xesús Laíño ten pensado presentar a iniciativa no mes de xaneiro, pero na actualidade xa se poden ler colaboracións.
Barbantia explica que neste lugar virtual participarán creadores procedentes da narrativa, do cine, das artes plásticas, da filosofía, do xornalismo e da historia: «Compartiremos experiencias culturais sen outra pretensión que o de darmos pé ao debate e a un diálogo intelixente non só entre creador@s senón tamén entre tod@s aquel@s que se acheguen ao noso café».
Achegas actuais
Polo momento, xa están colgados cinco traballos. Agustín Agra titula o seu Maqroll 1. (Tras o ronsel do gavieiro), dedicado a Álvaro Mutis e a súa obra Empresas y tribulaciones de Maqroll el Gaviero, con motivo do recente falecemento do autor colombiano.
Antón Riveiro Coello tamén aporta unha crítica do libro La casa redonda, de Louise Erdrich, da que asegura que, despois dun mes de rematada a súa lectura, aínda está nun proceso de difícil dixestión.
O noiés Xerardo Agrafoxo propón unha viaxe á cidade alxeriana de Maadid, da que di «como non está nos mapas, semella que non existe», ou que «os turistas apenas visitan esta insólita gaiola, un paraíso de terra reseca cinguido por rexos valados e un milleiro de palmeiras datileras».
Uxía Casal, pola súa banda, incorpora unha reflexión sobre o machismo, e advirte: «Mentres os homes continúen pensando que posuír outro ser humano é o máis normal do mundo, nin as leis nin o sentido común serán quen de acadar unha auténtica igualdade».
O xornalista Gonzalo Trasbach analiza o libro Chavs: A demonización da clase obreira, de Owen Jones; e Alberte Pagán fai o propio sobre a obra O quarteto de Alexandría, e o seu autor, Lawrence Dourrell.