La Voz de Galicia

Oito anos sen o barbancés que fixo de nexo entre o teatro en galego e o pobo

Barbanza

m. abelleira

Ademais de escribir obras, percorreu a comunidade da man do grupo Candea espallando a lingua nai polos escenarios

22 Nov 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense oito anos do pasamento de Xosé Agrelo Hermo. Como promotores da candidatura de Agrelo ás Letras Galegas 2017 puidemos observar a través das páxinas abertas para facer campañas de promoción (change, web e Facebook) o liderado, o apoio popular co que conta Agrelo en todo o seu labor intelectual, léase como escritor, director de teatro ou defensa e promoción da lingua galega. Neste curto espazo de tempo, apenas cinco meses, as firmas superaron o medio millar, o alcance de Internet chegou a máis de dez mil persoas. De modo especial a xente nova e de mediana idade é a que ven manifestando o desexo de que a Academia Galega lle outorgue ao dramaturgo e autor de obras referenciais do teatro galego como Noite de lobos, O mestre, Metá e metá ou o monólogo O espantallo o Día das Letras no ano 2017.

Agrelo formou parte de Abrente, a xeración de dramaturgos galegos que se deron a coñecer nas mostras de teatro de Ribadavia. Entre as figuras destacadas desta promoción de talentos están Vidal Bolaño, xa galardoado coas Letras Galegas; Euloxio Ruibal ou Francisco Taxes. Co teatro independente, como se lle chamou, rexurdiron as actividades dramáticas en Galicia. Os seus obxectivos: achegar o teatro ao pobo, apostar pola compañía itinerante e crear novos métodos de traballo.

Pero xa antes da formación do grupo, Agrelo tiña apostado polas compañías itinerantes, co grupo Candea percorreu os lugares máis remotos da nosa Galicia achegando o teatro ao pobo e eliminando a diglosia escénica, normalizando deste xeito a lingua galega no ámbito teatral.

Textos como ferramenta

Podemos afirmar, e así o recoñecen intelectuais de prestixio, que Agrelo foi unha figura destacada no campo das letras galegas, de forma especial no teatro, pero el escribía as obras pensando non no lucimento persoal, senón que sabedor como era do poder incisivo do teatro, utilizouno sabiamente como ferramenta popular e como unha forma de normalizar o galego entre o pobo dunha forma axeitada. Un teatro pedagóxico e capaz de instaurar un pensamento político e belixerante. Era un teatro feito con unha grande dose de coñecemento da sociedade galega.

Era un home que deixaba a súa marca en todo o que facía. No teatro, a súa gran paixón, incorporou elementos da cultura tradicional, da literatura e das artes visuais. Estivo sempre na vangarda. Foi un renovador do teatro social e patriótico como espectáculo cívico e, sobre todo, de reflexión.

Dicía outro noiés de rango, Antón Avilés de Taramancos: «Non son un home: ¡Son un pobo/ e ninguén me pode domear!». Agrelo Hermo foi ese home de transcendencias que pensou máis no colectivo da nosa nación que nas cousas individuais dun domesticado.

«Tiven a impresión ,no ano 1973 cando o coñecín, -di o critico literario e director do arquivo histórico de Barcelona, Xosé Lois García- que era un home con vitalidade de aceiro, capaz de vivificar un home novo para o noso país; capaz de dar pulo ás cousas necesarias no que transcende o noso nacionalismo. A expresión escénica galega tivo en Xosé Agrelo Hermo un dos seus mellores guieiros. Sempre terá un lugar meritorio na historia do teatro social e patriótico de Galiza».

Loita pola distinción

Esperamos que o importante legado que deixou Xosé Agrelo sexa valorado pola Academia Galega e lle sexa concedida no ano 2017 (80 aniversario do nacemento) as Letras Galegas polo seu traballo abnegado e desinteresado, facendo un teatro limpo, directo como el o quería e concibía. Un teatro do pobo e para o pobo utilizando sabiamente, con esforzo artístico, como ferramenta popular.

Homes como Agrelo nunca morren, transcenden a outra dimensión e os seus nobres exemplos sempre terán continuidade. A dignificación da frase pondaliana de «bos e xenerosos» nunca máis acertada para cualificar os dons cívicos e patrióticos dunha persoa de actitudes virtuosas como foi Xosé Agrelo Hermo.

cabodano de xosé agrelo

(*) Manuel Abelleira e Soledad Perol son os promotores da candidatura de Agrelo ás Letras Galegas 2017.


Comentar