La Voz de Galicia

O Apalpador encheu de sorrisos e tradición as rúas de Santa Uxía

Barbanza

raquel iglesias ribeira / la voz

Este personaxe do Nadal tan querido en Galicia estivo acompañado polos cabezudos

28 Dec 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o home máis esperado en Barbanza. O Apalpador percorreu onte Ribeira para encher as rúas de sorrisos e tradición. Trátase dun personaxe moi coñecido en Galicia, un xigante carboeiro que vive nas montañas orientais e que baixa a finais de decembro dende alí para apalpar a barrigola dos nenos, co fin de saber se comeron ben durante o ano e desexarlles que teñan fartura para os seguintes meses. Tamén lles deixa agasallos, doces e castañas.

A asociación Altofalante foi a encargada de recuperar esta figura e de achegala aos máis pequenos de Ribeira, que abrían os ollos como pratos cando o vían pasar por algúns dos puntos máis emblemáticos da cidade acompañado polos cabezudos de Flor de Toxo, entidade que ao peche desta edición recibiría no Ateneo Valle-Inclán o premio que Altofalante entrega cada ano polo seu traballo no ámbito da xuventude.

Charanga incluída

O Apalpador percorreu Rosalía de Castro para despois visitar algúns dos parques preferidos dos cativos. A charanga Trécola puxo o toque musical. O presidente de Altofalante, Carlos Lixó, repartiu entre os pais uns folletos nos que se explica a historia desde personaxe. «É enriquecedor recuperar esta figura propia e relacionada co medio rural, nun espazo até o de agora monopolizado polos personaxes foráneos vinculados ao consumismo e á propaganda comercial, como Papá Noel, ou de carácter estritamente relixioso, como os Reis Magos. O Apalpador, encargado de atender só aos nenos e nenas de Galicia, seguro que ten más tempo para escoller os presentes que saiban ilusionar aos nenos», sinalan.

Os cativos de Ribeira coñecíano perfectamente e achegábanse a el sen medo para falarlle e recoller algúns doces. Cada vez son máis as familias que inculcan a tradición aos pequenos.

Os cabezudos tamén foron os grandes protagonistas da xornada e puxeron en valor o traballo que Flor de Toxo vén realizando por recuperar unha tradición moi arraigada en Ribeira. Non lles faltaba ningún detalle e foron o complemento perfecto para unha tarde de Nadal na que o frío non foi impedimento para gozar do ambiente que reina nas rúas.


Comentar