La Voz de Galicia

A fala

Barbanza

Francisco Ant. Vidal

17 May 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que lembraredes aquela película franco-canadiana Na busca do lume dirixida no ano 1981 por Jean-Jacques Annaud, en que ó final, cando os protagonistas volven da súa xeira e se reúnen arredor dunha fogueira contando as súas aventuras, do que viron e do que fixeron, todos atenden marabillados o relato. Aí nace a literatura. Nesa película o director preséntanos unha sociedade tan primitiva que aínda non ten un idioma suficientemente desenvolvido, no que os sons guturais e a mímica son o substituto natural da falta de vocabulario; pero con esa escena tamén deixa claro como nace a narración e como se fabula, como se mestura a fantasía coa realidade. En fin, vemos como aquel idioma primitivo se converte na primeira e máis fundamental das artes: a narración.

Logo deles vén o artista que expresou eses mesmos sentimentos, gustos e ansias por medio de debuxos, e logo aquel que grafitou as primeiras palabras, e o idioma apoiouse nesa escritura primitiva para manterse vivo, e que aquilo que se contaba se fixase tal e como se dicía. Porque a fala (xa o dixemos moitas veces) foi o primeiro e primordial sostén do idioma. A fala pode ter falta de vocabulario, pero ten expresión, e mantense, e evoluciona coa sociedade, e transmítese xeración tras xeración aínda que as modas ou as leis o prohiban. Ela é un verdadeiro viaxeiro que se enriquece día a día, xa modificando as palabras, adaptándoas ou adoptándoas. E hoxe, referíndonos ó noso idioma, podemos falar con orgullo da vitoria que nos trouxo a través dos séculos escuros ata aquí, grazas, precisamente á palabra. E por iso, un ano máis, cando se acerca o 18 de maio, lembramos o momento da creación das Irmandades da Fala, que este ano cumpren noventa e nove desde a súa fundación. E un ano máis lembramos a proposta que desde a Agrupación Cultural O Facho se fixera hai case trinta e cinco anos, reclamando a celebración dun Día da Fala.

Non imos a redundar no xa sabido sobre a estoicidade do galego, de como as cantigas e os refráns mantiveron acesa a máis pura expresión popular a pesar de estar asediados polos poderes públicos e ter secuestrado o papel e o lapis que o fixase. E aínda a risco de ser pesado, maniático ou teimudo, volvo reclamar ese Día da Nosa Fala, o día do bautizo do Patriarca, se queredes, pero tamén o día no que se fundaron as Irmandades no mesmo edificio que ocupaba a Real Academia Galega presidida Murguía. Porque habemos de lembrar que toda a poesía, narrativa ou ensaio, antes de amosarse por escrito foron voz, e precisamente cincuenta e tres anos despois de que se publicasen os Cantares Galegos de Rosalía, créanse as Irmandades para revalorizar a palabra, cando homes como Lugrís Freire ou os Irmáns Vilar Ponte intentan por medio do teatro que as palabras galegas non sexan exclusivas das clases máis humildes do país.

Desgraciadamente os seus postulados seguen tendo vixencia, e cada vello que morre é un falante menos e cada neno que nace tamén. Aínda se divide ás persoas pola lingua usada para expresarse. Aínda hai quen pensa nun hipotético idioma universal e quen ten medo de dicirlle ó médico dóeme aquí, ou ó avogado este é o meu caso, así, en galego, por se non o entende. Aínda sentimos vergoña de algo tan natural como é a nosa propia identidade, e tratamos de agochala con máscaras foráneas que só serven para converternos en fantoches candidatos a todo tipo de mofas e aldraxes.

O vindeiro ano será o centenario da creación das Irmandades da Fala.


Comentar