«Aspiro a que outros lle dean vida ás obras da miña autoría»
Barbanza
Presenta esta tarde dúas obras que foron editadas por Fervenza despois de concorrer ao premio Estornela
04 Mar 2016. Actualizado a las 05:00 h.
Hoxe???Auditorio de Ribeira???20.00 horas?? Leva tres décadas escribindo obras de teatro que despois son representadas polos escolares do centro no que exerce como mestre, o Galaxia de Ribeira. Pero, no seu empeño por poñer eses textos ao alcance doutros nenos, Cipriano Fernández decidiu plasmalos en libros. Esta tarde presenta dous: A pantasma que non asustaba e O neno de chocolate, editados por Fervenza.
-Trátase nos dous casos de textos xa representados polos alumnos do Galaxia, ¿como chegan ao papel?
-Son obras que presentei a un certame patrocinado por Neira Vilas, o Estornela de teatro para nenos. Hai un ano, cando xa sabía que non gañara o concurso, Neira Vilas envioume un correo electrónico para recomendarme a editorial Fervenza para publicar as obras. É por iso que un dos dous volumes está dedicado a el, co que non tiven ocasión de falar persoalmente.
-Pero xa non pasado publicara outras obras...
-Si, fora con Tre14Tres, unha editorial que a crise se levou por diante. Publicara dous libros, O rei Maragato no ano 2008 e A nena levantadora de pedras sagradas no 2012. A diferenza destes que se presentan hoxe, aqueles contiñan varias obras cada un.
-As súas son todas obras para nenos, ¿non si?
-Si, eu no colexio escribo e dirixo. Salvando as distancias, son coma Roberto Vidal Bolaño. Escribo un texto un ano e represéntoo ao seguinte, tanto no centro como na mostra infantil que organiza o Concello.
-¿Que espera coa publicación destes libros?
-Agora é fácil encontrar obras para nenos en galego, pero cando eu comecei no mundo do teatro, hai xa trinta anos, era moi difícil. Eu o que quero é que as miñas obras gusten e se representen. Aspiro a que outros lle dean vida ás obras da miña autoría, esa sería para min a maior das satisfaccións.
-¿Como foi aquel primeiro contacto co eido do teatro?
-Pois foi case casual. Eu sempre quixen escribir, pero narrativa. O que ocorreu é que, organizando as actividades para festexar o Día das Letras Galegas no colexio, tocoume o teatro. Como por aquel entón non había textos infantís aos que botarlle a man, decidín escribilos.
-En todo este tempo, ¿cantas funcións calcula que escribiu?
-Pois penso que teño unhas sesenta, pois escribo dúas cada ano.
-¿Está agora en pleno proceso creativo ou preparando unha función?
-Agora mesmo estamos xa cos ensaios de A profecía de Nostradamus, que se representará na vindeira mostra infantil de Ribeira. Os alumnos do Galaxia escenificarán esta tarde o primeiro acto.