La Voz de Galicia

Coches autónomos

Barbanza

Francisco Antonio Vidal

12 Mar 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Claro que me gustaría ter un coche sen condutor, deses que van daquí a Madrid respectando os límites de velocidade, adiantando prudentemente, cedendo o paso, parando nos lugares adecuados para que o descansado condutor (ocupante, quería dicir), tome un respiro e estire as pernas, e aínda a maiores, que o mesmo coche che leve ata o hotel e aparque sen bater co de diante nin co de detrás nin cos do lado, aforrándolle ó Estado un montón de cartos en radares, cámaras de vixilancia e notificacións de sancións. O día que o meu coche faga todo iso, o exame para o carné de conducir limitarase a un test de programador. Pero para iso aínda falta moito, a pesar do paseo que o noso presidente se deu para probar un que fixeron en Vigo.

Mais, aínda que que a maior vantaxe dese novo coche que algún día teremos, é que non nos meterán máis multas nin nos quitarán puntos do carné, quédame a dúbida de que, no caso dun problema que provoque un choque por alcance ou mesmo un accidente con vítimas, ¿quen será o responsable?, ¿o mecánico que lle fixo a última revisión?, ¿o informático?, ¿o dono?. Dá a impresión de que este é un deses casos no que a lexislación ha de adiantarse á tecnoloxía.

Dos novos problemas que poden vir cos futuros automóbiles autónomos, os amigos de parladoiro presentaron unha posibilidade que nos dá calofríos, porque sabido é que a intelixencia das máquinas basease na análise máis ou menos rápida e fría de distintos parámetros para escoller a solución máis adecuada. Pero, ¿como sabe un ordenador cal é esta?. Imaxinade por un momento que este vehículo vai por unha das nosas grandes avenidas, e de súpeto alguén fai unha manobra imprevista obrigando ó sistema do noso coche a decidir se bater contra un ancián multiachacoso ou contra un mozo delincuente. Coa frialdade algorítmica do sistema, o coche sabe que, se bate ó ancián só se adianta nuns días ó que a natureza está facendo, e se bate contra o mozo evita un atraco ou asasinato a curto prazo. Pero o que non sabe o coche é que, ó mellor, ese mozo, unha vez atropelado acabe inútil de por vida, con grandes custos para a seguridade social, co que a súa supervivencia sairía máis cara cá do vello. Tamén se pode dar o caso de que o rapaz ó non ser atropelado faga un roubo, polo que vai á cadea, e alí (todo é posible) atope ós educadores adecuados que o reinserten na sociedade e acabe sendo unha das mentes preclaras do país. Ou tamén pode que o ancián, animado pola sorte de non ser golpeado, vaia mercar un boleto de lotería que lle deixará en herdanza a unha sociedade benfeitora sen ánimo de lucro pero si moi frutuosa.

E a todo isto sen contar que o sistema informático do vehículo tampouco ten por que saber se o vello é un científico a punto de anunciar o descubrimento do século, ou se o mozo pode chegar a ser o primeiro Nobel galego en Física. Ou sexa, que o mesmo coche (e isto é o perigoso), pode pasar de coche fantástico a coche xusticeiro sen que toquemos o volante.


Comentar