La Voz de Galicia

O poeta de Cork que escribe en galego

Barbanza

ana moas Ribeira / La voz Escritor

O noiés exerce de director do Centro de Estudos Galegos da prestixiosa universidade da cidade irlandesa

10 Jul 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Quizais foron as súas raíces as que levaron a Martín Veiga a decantarse polo mundo das letras, e quizais foi a súa inquietude o que o levou a viaxar ata Irlanda. En calquera caso, o que está claro é que o poeta noiés vive con intensidade o seu día a día como mestre na Universidade de Cork e transmite unha notable paixón cando se fala de literatura.

Nado nunha vila de tradición poética, o protagonista desta historia viuse entusiasmado pola escritura dende que era un neno: «O meu pai era mestre e na casa sempre estivemos rodeados de libros. Ademais dun gran lector era moi bo profesor, e nos transmitiu o seu amor pola lectura e pola súa profesión». Sen embargo, a iniciativa literaria foi propia en todo momento, e con oito anos comezou a escribir pequenos fragmentos: «Tiña unha libretiña que aínda conservo, na que escribía curtas composicións inocentes».

Uns anos máis tarde, comprendeu que non percibía a poesía como un simple pasatempo, senón que era algo que realmente quería cultivar, deixando de ser un pasatempo para situarse coma o centro da súa vida intelectual. De aí que aos 18 anos publicara o seu primeiro libro, pertencente a unha colección de poesía que recibiu o nome de Verva que comeza, e que foi incentivada polo poeta Antón Avilés de Taramancos cun dobre obxectivo: «Era unha homenaxe á escritora noiesa María Mariño e unha oportunidade para os poetas novos, que nos situou no mapa literario galego do momento».

Trala súa primeira publicación, decantouse por estudar filoloxía e unha vez rematada a carreira, realizou o CAP, un curso de pedagoxía, e comezou a traballar como tradutor, investigador e mestre en cursos de galego. Foi a raíz dunha destas clases, nas que a súa perspectiva cambiou e se viu atraído pola posibilidade de impartir galego fóra. Así que, cando se lle presentou a oportunidade de traballar como lector no Centro de Estudos Galegos da prestixiosa Universidade de Cork, en Irlanda, non o dubidou un segundo: «Sempre amosei interese pola lingua e a literatura inglesas, e a posibilidade de traballar nun ámbito anglófono tamén me seducía».

 

A vida en Cork

Desde un primeiro momento, foi acollido calorosamente e despois de 17 anos vivindo alí, pode dicir: «Síntome como na casa. Boto de menos á familia e aos amigos, pero aquí tamén forxei a miña familia e os meus amigos».

Actualmente, traballa como mestre de tradución na Universidade de Cork e é director do único Centro de Estudos Galegos de toda a illa: «Traballar alí e no que realmente me gusta é todo un privilexio», recalcaba o mestre.

Gústalle definir o seu estilo literario como o facían os poetas románticos ingleses: «A poesía é a emoción recordada posteriormente, na tranquilidade». Nun principio, buscaba a inspiración nas viaxes, nas lecturas e nas emocións primeiras: «Pero ao longo dos anos un vai profundando nas súas propias emocións e na súa propia existencia, dando lugar a unha poesía moito máis caudalosa», explicaba o noiés. As súas creacións foron madurando baixo a influencia do seu mentor Antón Avilés, pero tamén de Cunqueiro ou Eusebio Lorenzo, e de escritores estranxeiros como Eliot ou Pound.

Traxectoria laboral. Martín Veiga estudou Filoloxía Galego-Portuguesa e despois de traballar como tradutor e mestre en cursos de galego, percorrendo a comunidade, non dubidou en aproveitar a oportunidade de viaxar a Irlanda en 1999, como lector para o Centro de Estudos Galegos.

 

A súa poesía

Escribe dende a convicción de que a poesía ten unha grande importancia: «É unha poesía da meditación, cunha reflexión acerca das preocupacións persoais e os efectos que o transcorrer do tempo causa nas persoas e paisaxes». Unha obra que se caracteriza polo equilibrio entre a expresión coidada e o tema tratado, e na que a elaboración estética xoga un papel fundamental.

O seu último libro, Diario de Crosses Green, que se presentará o martes na libraría Couceiro de Santiago, é froito dunha elaboración lenta e demorada, con pinceladas de poesía semiurbana e naturalista, sendo fundamentalmente reflexiva. Martín non concibe iniciarse noutros estilos: «Son poeta, non podo facer outra cousa. Intentei crear textos en prosa, pero non era o vehículo ideal para a miña voz».

Sobre o futuro que lle espera en Cork, o noiés ten poucas dúbidas: «Volvo con vontade de traballar máis asiduamente na poesía, sen deixar a investigación e a docencia de lado».


Comentar