La Voz de Galicia

Unha mala palabra

Barbanza

Fracisco Ant. Vidal

10 Sep 2016. Actualizado a las 05:00 h.

 

Mi tía María chegou toda escandalizada, porque na misa da tarde á que acostuma ir, o señor cura preguntou se ían comulgar moitas persoas, e como ninguén respondía o home aclarou que lle quedaban poucas Hostias e necesitaba saber cantas, máis ou menos, tiña que consagrar.

O escándalo non llo produciu que o cura fixese aquela pregunta, senón que lle chamase Hostia ó que ela chamaría partícula. Eu quería contarlle que a tal palabra, segundo teño entendido, ten a súa orixe nos pequenos sacrificios que facían os romanos. Unha hostia era un pouco de pan ou viño queimado nos pequenos altares familiares a algunha divindade. E aínda fun ó «tumbaburros» de Google para ampliar coñecementos e saber que esa palabra tamén lla daban os romanos ós pequenos animais ofrecidos para procurar aplacar a ira dos deuses ou pedir algún favor, mentres que os grandes animais se reservaban para agradecer os favores recibidos. Algo que me fixo concluír que xa daquela se lle daba menos valor á esperanza e á promesa que ós logros.

Como queira que sexa, a citada palabra, durante os tempos de maior integrismo relixioso da nosa historia, estaba prohibida no vocabulario da xente decente, como me lembrou Pepe, amigo, historiador e iconoclasta, quen de neno tiña que confesar sen desculpa todos os anos por Pascua Florida.

O caso foi que aló foron el e catro amigos máis a cumprir co precepto a primeira hora da mañá, e xa coa alma limpa e o corazón cheo de gozo (dime el), volveron para botar un partido de fútbol, naquelas Semanas Santas sen praia nin vacacións no estranxeiro. E estaban xogando cando Pepe colle a pelota, canea a un dos defensas, adiántase, birla ó porteiro coas súas longas pernas e queda diante da portería baleira co balón na punta do pé, dispara, e dálle tan mal que a pelota sae por fóra da portería, facéndolle expresar a súa contrariedade coa deostada palabra: Hostia.

Foi dicila e producirse o grande escándalo. Os que un pouco antes foran con el a confesar amoestárono con algo peor ca unha tarxeta vermella: co lume do inferno. Pepe acababa de cometer o maior pecado do mundo. Advertírono de que, de morrer naquel intre ninguén o ía librar das chamas infernais, e el entrou nunha tremenda depresión, xa non quixo seguir xogando por se unha mala caída lle impedía poñerse a ben con Deus, non quixo comer a mazá que lle ofreceron por se se atragoaba con ela, como lle advertían os amigos, sen darlle tempo a amosar diante dun valido divino o seu arrepentimento.

Pepe apartouse enfurruñado, recitaba para si interminables xaculatorias pedindo perdón. Ninguén máis ca el tiña a culpa de que unha mala patada lle provocase tan nefasta palabra; e de súpeto tomou a única decisión que podía tomar en tan crítica situación: volver ó confesionario. E todos o seguiron, curiosos por ver a cara de vergoña con que se acercaría ó confesor, e talvez con certa rexouba morbosa por se o demo aparecía en calquera volta do camiño reclamando a súa alma antes de chegar ó adro.

E cando o confesor lle preguntou canto tempo había que non se confesara respondeulle cun tremor na voz: Hai media hora.


Comentar