La Voz de Galicia

O sexto sentido

Barbanza

Francisco Antonio Vidal

08 Oct 2016. Actualizado a las 05:00 h.

lingua proletaria francisco ant. vidal

 

 

Dúas das virtudes máis demandadas nas relacións sociais son ter man esquerda e un sexto sentido. E as dúas son as que máis se botan en falta nestes tempos que corren. Ter man esquerda era o que se lle pedía outrora ás mozas casadeiras, que non podían dar o «si quero» mentres non fosen quen de cortar as uñas da man dereita coa esquerda. Só é cuestión de adestramento. Pero o sexto sentido necesita algo máis que anos de práctica, prudencia e maña, necesita cordura, temperanza e moita frialdade. E iso é algo que non se aprende dun día para outro porque sempre ten a tres inimigos asexando: a impaciencia, o egoísmo e o orgullo. Por iso, o sexto sentido, o único que nos diferenza dos animais, foi sempre considerado o máis escaso de todos os sentidos, tan escaso, que fica en simple expresión dunha carencia, sen unha localización determinada, como os outros cinco.

Pero agora, segundo acaban de descubrir os científicos do americano Instituto Nacional de Saúde, resulta que si existe un sexto sentido fisicamente localizable nun xen identificado como PIEZO2, que nada ten que ver con aquel de sempre, e a quen nada lle importa iso da sensatez e o bo xuízo, e só se fai responsable, entre outras cousas da galanura, de que andemos fisicamente dereitos e que poidamos balancearnos ou dobrar o corpo pola cintura. Un xen que, cando falta, non sabemos o que tocamos nin somos conscientes da proximidade dos obxectos que nos rodean. Un xen que ten máis que ver coa cuestión física ca coa psíquica.

En fin, que cando todos sabemos que o sexto é un hipotético sentido que nos indica o camiño e a dereitura dos nosos pasos, aparece este outro recén saído do laboratorio a quitarlle o nome e a erixirse en motor que tira para diante sen mirar polo retrovisor, a quitarlle a valía ó sexto de toda a vida a facerse notar pola súa aparencia contra a discreción e o bo tino do outro. É o signo destes tempos, a prevalencia da fama, da imaxe e do atlético movemento de cintura quitándolle nome e cadeira á reflexión ben meditada.

Está claro que ante tales diferencias estamos diante de dous sentidos moi distintos aínda que leven o mesmo ordinal definidor, e polo que deberiamos corrixir a nomenclatura o antes posible, pois non é o mesmo padecer do sistema motor ca do sistema racional. Sería bo, pois, que o novo xen descuberto lle dese nome a un sétimo sentido, que ben podemos chamar o da gallardía, e que nos deixen o sexto onde está, como o sentido da cordura, teña ou non teña xens. Que nos deixen co nome de sexto a este que nos permite tomar decisións nos casos difíciles, saber cara onde ir cando os camiños son confusos ou a quen arrimarse cando ninguén parece de fiar, ese sexto sentido que se sabe adiantar ós acontecementos e prevé as trampas do futuro, ese que se adestra con moita paciencia e nos axuda a saír da indecisión, do non é non pero pode ser si e agora que ti queres non quero eu, ese sentido que tantas e tantas veces necesita apoiarse na man esquerda para seguir avanzando. Deixémoslle o de sexto porque el, aínda que escaso, é o de toda a vida, o que mira e sabe o que ve.


Comentar