«O obxectivo é darlle habilidades ao alumno para obter un traballo»
Barbanza
Os cursos formativos para desempregados rematarán este mes, cunha gran listaxe de actuacións realizadas
16 Feb 2017. Actualizado a las 05:00 h.
A comezos do pasado setembro, iniciábase nos municipios de Ribeira e de Porto do Son a terceira edición do obradoiro de emprego Tahume. Jose Luis Muñiz Brión (Corrubedo, 1988), o director deste programa formativo para persoas en situación de desemprego, abordou os coñecementos teóricos adquiridos polos alumnos traballadores. O especialista en administración de empresas e finanzas tamén relatou as diferentes actuacións levadas a cabo en materia de xardinería e pintura, que rematarán a finais deste mes.
-¿En que consiste o obradoiro de emprego Tahume 3?
-Trátase dun programa de formación mixto, no que os profesores proporcionámoslles aos alumnos a formación teórica, para que despois a poñan en práctica e así conseguir unha cualificación profesional a fin de que poidan desenvolver un oficio no futuro e facilitar a súa inserción no mercado laboral. O obxectivo é o de darlle habilidades ao alumno para obter un traballo.
-¿Cantos profesionais están integrados neste programa?
-Somos cinco docentes: un mestre de xardinería, un profesor de pintura, unha titora, unha administrativa e máis eu, que levo os contidos de carácter empresarial ou laboral.
-¿Cal é o perfil máis común de todos os participantes?
-Temos 20 usuarios de entre 19 e 60 anos, divididos de forma paritaria, tanto de Ribeira como do Son. Son todas persoas desempregadas, que teñen os estudos mínimos obrigatorios ou ningún. Aqueles que non os posúen podían optar a cursar tres horas máis e obter o graduado escolar a distancia. De feito, anotáronse sete e aprobaron o exame todos, menos un que lle falta unha parte.
-¿De que partes consta a formación e que ámbitos toca?
-De forma paralela impartíronse clases teóricas e prácticas, con porcentaxes de ao redor do 30 % e do 60 %, respectivamente. No módulo de pintura abordouse o revestimento de fachadas ou o pintado de paredes horizontais e verticais, mentres que na especialidade de xardinería trataron o coidado e mantemento de zonas verdes. Pero os contidos van máis alá. Tamén se lles imparten nocións de xestión empresarial, é dicir: como elaborar un currículo e unha carta de presentación, as bases e trámites necesarios para emprender e crear unha empresa, que posición e xestos deben adoptar nunha entrevista de traballo ou como tratarán con compañeiros ou con superiores. Por outra parte, houbo máis módulos a maiores: sobre igualdade entre sexos, medio ambiente ou informática e novas tecnoloxías.
-¿A participación neste obradoiro vai acompañada da obtención dalgún tipo de título?
-Os alumnos traballadores recibirán un certificado de profesionalidade que lles permitirá exercer. No caso de xardinería é de nivel 1 e, no de pintura, de nivel 2. Antes de comezar as clases prácticas tiveron que superar un exame onde acadaron a titulación de prevención de riscos laborais.
-¿Cales foron as grandes actuacións e obras que se realizaron?
-No ámbito da pintura as grandes obras foron o pintado da fachada da casa consistorial do Son e o interior do conservatorio municipal ribeirense; aínda que tamén se actuou nas fachadas do colexio de A Capela e a casa da cultura en Carreira, así como nos interiores das de Caamaño e Sampedro. En materia de xardinería realizáronse traballos de retirada de maleza e cultivo na contorna do parque e o invernadoiro de San Roque. Ademais, melloráronse as zonas verdes ribeirenses do Pedra Pateira e o miradoiro de Fontán en O Touro. Neste último, tamén se pintaron as varandas do paseo.