La Voz de Galicia

O absurdismo da Xunta

Barbanza

José Rodríguez Cabeza

29 Mar 2017. Actualizado a las 10:51 h.

Nunca pensei que chegaría a comprobar a filosofía do absurdismo de Albert Camús, xa que vivir a vida non é un absurdo, como desenvolveu o filósofo e teólogo dinamarqués Soren Kierkegaard coa teoría do existencialismo, pero non teño outro cualificativo para referirme á ínclita decisión absurda do goberno Feijoo de malgastar 230 millóns de euros (La Voz de Galicia do 23/03/2017) co nobre obxectivo -segundo afirma- de fixar poboación no rural subvencionando intensivamente a un sector lácteo galego sobredimensionado e insostible, co que se coadxuvará a prolongar a súa agonía. Núñez Feijoo debería saber que a fixación poboacional nas aldeas pasa por outras políticas e outras medidas. Vexamos.

Na mesma páxina publícase outra noticia titulada La exportación de patata gallega facturó más de diez millones de euros pese a caer los kilos vendidos, rematando a mesma deste xeito: «Curiosamente, España es deficitaria en patata. Durante el 2016 las importaciones de este producto superaron los 728 millones de kilos. Francia, con 518, fue el principal proveedor». Ou moi torpe ando eu ou aquí estamos diante dun absurdo camusiano.

Un dos problemas cos que se atopan os pequenos propietarios das leiras, que non son agricultores a título principal, son os custos da pequena maquinaria que precisan, tal como motocultores e colleitadoras, polo que unha das solucións estaría en compartila colectivamente, así que repartindo eses cartos entre os 314 concellos tocan a 732,484 euros, co que se motivaría a moita xente a traballar tanto para o autoconsumo como para a venda dos excedentes.


Comentar