«Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días»
Barbanza
Vén de publicar unha biografía do poeta do mar que está marcada pola inxente documentación que nutre cada páxina
20 Aug 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía é o título da nova publicación de Xosé Luís Axeitos (Asados, 1945), unha biografía sobre o autor do poemario De catro a catro que se apoia nun extenso labor de documentación e que verte luz sobre aspectos descoñecidos da vida do poeta, como a súa infancia, en cada unha das 300 páxinas desta obra.
-¿Que novidades aporta esta biografía á figura do poeta?
-Coñeciamos exclusivamente a Manuel Antonio, pero esa é a parte máis breve da súa biografía. El antes foi Leliño no círculo familiar, despois Lelo, cando se independiza da familia e di que non quere ser cura, e posteriormente, Manolo. Ilumina toda unha faceta descoñecida dun personaxe literario chamado Manuel Antonio.
-¿Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra?
-Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías.
-¿De que grao de documentación estamos a falar?
-A biografía está tan rigorosamente documentada que non poño un só adxectivo que non poida demostrar. Por exemplo, apareceron cabelos de Manuel Antonio cando tiña 8 anos e comprobo que era un rapaz louro. Entón engado o dato, pero non fago alusión á historia que o proba.
-¿Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
-Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel.
-¿Cal cre que é o grao de coñecemento da poboación sobre Manuel Antonio?
-Hai tantos biógrafos como lectores e nunca hai dous iguais. Co traballo literario pasa o mesmo, acrecéntase o mito da enfermidade polo descoñecemento. Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días. Por iso dedico a metade do libro á súa obra. Pero moitos non saben que queimou unha bandeira española ou que escapou para alistarse na lexión estranxeira. Son feitos controvertidos, mais reais e comprobados. Sentinme responsable de recoller todos eles e poñer unha orde.
-¿Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
-É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
-A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
-O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín.