La Voz de Galicia

Riveiro Coello compila un cento de relatos no seu novo libro

Barbanza

As historias van gañando en intensidade e en brevidade a medida que avanza o volume

18 Oct 2017. Actualizado a las 05:00 h.

Aínda saboreando o éxito de A ferida do vento, un libro que leva xa varias edicións e que vén de ser elixido finalista no certame Frei Martín Sarmiento, Antón Riveiro Coello lanzou, novamente baixo o paraugas da Editorial Galaxia, un novo volume. Trátase de Á sombra dos bonsais, unha obra que compila un cento de pequenos relatos de temáticas diversas, cuxo nexo común é a brevidade.

Para coñecer o xerme deste libro hai que botar a vista un par de anos atrás, cando o escritor afincado en Boiro empezou a publicar en Facebook o que el define como micropostais: «Aínda que me decanto máis polo xénero da novela, arrimeime á vertixe da rede e fun probando con estes textos miúdos». A boa aceptación que tiveron entre o público levou ao autor a seguir creando, ao ritmo que lle ía marcando a deusa inspiración, ata reunir preto dun cento de relatos. Ordenounos de maior a menor, seguindo a forma da copa dunha árbore, e así xurdiu Á sombra dos bonsais.

 

Ata tres palabras

Antón Riveiro explica que o obxectivo que se marcou foi que o libro fora gañando intensidade a medida que o lector pasara as páxinas: «A intensidade ten que ver neste caso co número de carácteres. Conforme o relato se comprime en extensión, gaña en enerxía». De feito, o último son só tres palabras.

O escritor perseguiu nesta ocasión ofrecerlle ao lector un libro áxil, capaz de provocar un entretemento case instantáneo: «É unha obra diferente ás anteriores, que se le nunha tarde. Está de feito pensada para ser lida dunha atacada, co fin de comprobar precisamente como se vai concentrando a intensidade cada vez nun menor número de palabras».

Riveiro Coello está moi satisfeito con esta estrea no eido dos pequenos relatos: «Foi un proceso vicioso e estimulante para un novelista como son eu». Aínda que recoñeceu que, a diferenza do que lle ocorreu coas obras anteriores, que foron collendo forma case de xeito mecánico, nesta ocasión o proceso da escrita foi intermitente: «Tanto os relatos como as poesías teñen que ser froito da inspiración».

Como non podía ser de outro xeito, o autor xa está en pleno proceso de creación de outro volume. Será una novela longa e aínda non hai data para o seu lanzamento: «Levou case un ano con ela e penso que me quedarán dous máis. Teño que darlle o tempo que precise, sen présa».


Comentar