A curva de Laffer
Barbanza
03 Apr 2018. Actualizado a las 05:05 h.
Non é que as procesións barbancesas, agás a do Nazareno pobrense, teñan especial singularidade, pero, despois da das Mortallas, hai unha que me xeraba especial devoción, a dos Caladiños que, con algúns cambios, ben podería aspirar a ser declarada de interese ecolóxico internacional contra a contaminación acústica, unha preocupación da ONU dende fai décadas. Por intentalo nada se perde.
Como todos coñecemos, a Semana Santa alenta diversos sentimentos. A ledicia do Domingo de Ramos, o misterio da Última Cea do xoves, a gran Paixón de Xesucristo do venres e a nosa esperanza na Pascua de Resurrección do domingo, pero, na súa tradición, que eu saiba, non hai ningún día dedicado á discriminación desesperada, un perigoso precedente introducido o martes, cando o Goberno anunciou que os orzamentos deste ano eran os dos funcionarios e pensionistas... e tamén das Aadministracións. ¡Rebaixa de impostos incluída!
Podería pensarse que os ministros das áreas económico-fiscais do Goberno de Rajoy padecen algún trastorno mental, pero o que se anuncia está fundamentado na teoría da «curva de Laffer», que consiste en que baixando os impostos aumenta a recadación e o déficit redúcese por si mesmo, así resultaría aplicando políticas liberais sensatas, pero iso funciona cando o déficit público en relación co PIB é nulo ou escaso (do 1,21 % de 2005 acadamos o 4,51 % en 2016) e que a débeda sexa baixa (no mesmo período pasamos do 42,30 % ata o 99 %), emporiso o prioritario sería acadar eses obxectivos axiña para poder afianzar a senda dun crecemento sostible.