La Voz de Galicia

Mars city

Barbanza

Francisco Ant. Vidal

21 Apr 2018. Actualizado a las 05:10 h.

Unha vez máis volvemos a darlle voltas ó asunto da conquista do espazo como se se tratase dunha emigración á que estamos destinados os terrícolas. E cando se fala deste asunto, o primeiro que nos vén á cabeza é Marte e os marcianos. Certamente, desde os primeiros homínidos ata hoxe en día, é condición da nosa especie superar horizontes, outear por encima da sebe e avanzar cara outras terras, por iso, que nos falen da conquista e repoboación de outros planetas é algo que se contempla como unha posibilidade, e de feito a viaxe a Marte xa está aí, á volta da esquina, anunciada como unha excursión do Inserso, pero sen querer ser escéptico, outra cousa moi distinta é habitalo e manterse alí por un tempo máis ou menos longo.

A diferenza de gravidade pode facernos resentir dos ósos máis ca se vivimos nun país húmido, logo está a falta de abono para a terra de quen pretenda cultivar algo e a maiores xúntase a todo iso a falta de atmosfera, o buraco de ozono e a entrada directa de emisións de raios UV e X que nos obrigarán a vivir baixo teito e saír a pasear co escafandro posto. Sen embargo, como vai nos xenes da nosa condición superar desafíos, aí temos ó arquitecto dinamarqués Bjarke Ingles, contratado polos Emiratos Árabes para construír unha Mars Science City no deserto de Dubai. Toda unha cidade marciana aquí na terra para ir probando, de cara a esa ansiada colonización que os árabes estes agardan facer efectiva dentro de exactamente cen anos. Trátase de simular a vida no planeta veciño dentro dunha serie de cúpulas destinadas a albergar unha grande urbanización construída con tecnoloxía 3D e usando a mesma area do deserto.

Xa sabemos que non é a primeira vez que se fixeron experimentos deste tipo, concretamente en distintos lugares dos EE.UU. aparentando a colonización dun planeta ou da mesma Lúa, e cada pouco tamén vemos como algún millonario excéntrico se amosa ansioso por organizar viaxes turísticos para dentro de tres ou catro anos. Pero unha cousa é ir a Marte, sacar un selfie e volver, e outra moi diferente é ficar alí e iniciar toda unha vida coma quen carga coa maleta da emigración. Fáltalle moito á tecnoloxía e, sobre todo, fáltalle moito á nosa singular maneira de relacionarnos co medio.

 

Mais, fantasías aparte, o que si me atrae deste proxecto é o desafío construtivo que supón a idea deste arquitecto, procurando combinar o económico co ambiental e o práctico co fermoso, sen renunciar á función social que a súa disciplina ten en por si. A pesares de que, a día de hoxe, tal e como se presentou este reto en distintos medios, todo ese conglomerado paréceme máis un parque temático ca outra cousa.

Á fin, tamén el, a todo isto que semella un xogo, defíneo como a ilusión dun cativo que querendo ser astronauta se fixo arquitecto, e agora combina o neno co home para lograr este desafío a base de cúpulas que se conectan entre si e dentro das que vai haber leiras, ríos, museos, tendas e domicilios particulares nunha extensión de case douscentos mil metros cadrados no medio do deserto. Todo un centro comercial recibindo a luz do sol cribada polos polímeros da cúpula e cunha temperatura regulable. Supoño, tamén, que sen necesidade de usar paraugas ou antucas nin ter que mirar o calendario lunar ou a previsión do tempo para plantar as cebolas ou o ceboliño.


Comentar