La Voz de Galicia

Manuel Fajardo: «Recuperar a Volta a Ons é un orgullo»

Barbanza

Álvaro Sevilla

O club barbancés e Arousa Norte apostan por unha regata histórica e queren convertela nun emblema da comarca

15 Aug 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fajardo (Boiro, 1961) fala con paixón do Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz. Creado hai seis anos, o club afronta este sábado o reto de poñer en marcha a Volta a Ons, regata histórica da comarca que regresa da man dos boirenses e da Mancomunidade Arousa Norte.

-¿Por que decidiron recuperar esta competición?

-Era unha regata histórica, das máis importantes, e que desapareceu co club náutico de A Pobra. Cando pensamos nas actividades deste ano, ocorréusenos facer unha actividade de vela importante, que nos dera a coñecer un pouco máis e que axudara a impulsar a zona. Puxémonos en contacto con Arousa Norte para atopar patrocinador e vírono con bos ollos. Sabían que era unha cita que os afeccionados demandaban moito, pero ninguén a quería retomar. Para nós é un desafío, pero estamos acostumados. Queremos que sexa un éxito.

-¿Cantos barcos estiman que poden participar?

-De 25 a 40, pero creo que podemos alcanzar os 40. As fechas son boas, e espérase un tempo moi adecuado. Queremos bater o récord e que a proba vaia collendo pouso. Todas as rías teñen unha regata importante, e a Arousa norte faltáballe, por iso nos lanzamos. O primeiro ano será complicado, pero para o próximo esperamos máis. Ademais, a saída será rotatoria, en 2019 partirá de A Pobra. Queremos implicar a toda a comarca, aínda que sexamos nós quen organicemos.

-No seu náutico sempre apostaron por innovar. Logo de seis anos, ¿como se atopa o club?

-Somos un club humilde, pequeno e por iso para nós recuperar a Volta a Ons é un orgullo. Máis que un punto de tránsito queremos apostar por actividades deste tipo, así como por cursos de vela ou de mergullo.

-¿Esperábase isto cando naceu a entidade?

-Fixoo cun grupo de amigos. Foi un desafío, non había nin recheos. Moitos dixeron que era imposible botalo adiante, poucos creron en nós. Non percibimos nin un só euro das Administracións para as instalacións, recheos e pantaláns. Fíxose unha aposta forte, gastáronse 1,8 millóns de euros que saíron da propia entidade. Grazas a iso contamos con 30.000 metros cadrados en propiedade: 20.800 de lámina de auga e 9.800 de terra.

-Apostaron ademais por apoiar a outras entidades deportivas.

-Dentro dos nosos presupostos sempre gardamos unha parte para outros clubs deportivos, como foron o de voleibol, o piragüismo ou remo. Temos unha forma de traballar diferente, as cotas dos socios que non teñen barco van para actividades, non para o mantemento das embarcacións dos demais. Eles están encantados, por exemplo, de patrocinar a regata de traíñas.

-¿Os próximos obxectivos?

-Queremos poñer a funcionar a marina seca, que conta cuns oito mil metros cadrados. Outra meta, que se cumprirá o próximo ano, será a posta en marcha da Escola de Vela Deportiva de Boiro. Buscamos que, tanto maiores como mozos, comecen no mundo da vela. Estamos preparando un barco para acadalo.

-Convertéronse nun punto de tránsito para barcos chegados de tódolos puntos do mundo.

-Moita culpa foi por conseguir a Q de Calidade e a bandeira azul. Son baremos que a xente busca moitísimo. Temos tamén unhas instalacións diferentes, cos pantaláns máis anchos de Galicia, e o mantemento é continuo. Ademais están os foros especializados, onde se fala de nós, e o boca a boca. Iso fai que chegue xente de toda Europa. A maiores, os nosos traballadores deféndese en inglés. Nestes momento, o náutico conta con catro empregos directos e catro indirectos. Traballamos como unha empresa, polo que a parte económica a leva unha asesoría.

-¿Como se espera o futuro?

-Creo que o futuro está asegurado. Temos 32 prazas de atraque por vender, que serían uns 800.000 euros para o club. Non temos presa por vendelas, pero xerarán uns ingresos extras.

-Cónstame que apostarán por unha actividade de índole medioambiental.

-En setembro, uns 20 mergulladores encargaranse da limpeza dos fondos do porto. Tamén estarán cen rapaces, que se encargarán da escollera. Contamos co apoio das fundacións Coca-Cola, Kinder e Ecomar. Será unha festa para os nenos, que contarán con talleres de reciclaxe e premios.


Comentar