La Voz de Galicia

A historia plaxiada

Barbanza

Francisco Ant. Vidal

10 Nov 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Que a historia narrada é un compendio de adulteracións, plaxios e fantasías que procuran enxalzar nuns casos e degradar noutros ós seus protagonistas, está claro. O amigo Xulio asegura que a ninguén se lle escapa que o pirata Drake, contra quen se lle pedía protección á divindade en todas as igrexas coruñesas, era para os ingleses Sir Francis, considerado un heroe a quen agradecerlle todo o ben que facía matando e esfolando ós inimigos da súa nación, aínda que moitos deles nin saberían situar a Inglaterra nun mapa. Así, nos libros de historia, os que para uns foron santos varóns, para outros foron uns energúmenos, pero tamén, cando as virtudes do inimigo son dignas de resaltar, non se dubida en copiar feitos e portentos para poñelos como orixinais de quen en principio sería o antagonista máis acérrimo daquel de quen se tomou a atribución fazañuda.

Para poñer exemplos de plaxio histórico cita o noso amigo Xulio ó mesmo Apóstolo Santiago, que cando, espada en man, retornou á terra montado nun cabalo branco, e nunha batalla da que non hai máis referencia documental que a da lenda, fíxoo copiando e plaxiando o que xa fixeran os xemelgos Cástor e Pólux varios centos de anos antes, os cales tamén viñeron do paraíso post mortem dos romanos para pelexar contra os seus inimigos. E aínda despois da aventura do noso Apóstolo, aseguran que os normandos tamén fixeron vir desde o Valhala ó mesmísimo Odín, montado no seu cabalo de oito patas, vestido coa capa azul e un sombreiro de aba ancha para pelexar contra os inimigos do rei de Suecia á fin de que os seus devotos gañasen unha batalla na que loitaban en inferioridade.

 

Como vedes, o plaxio vai máis aló dos centros académicos e dos escritorios dos premios Nobel; pero a diferenza está que o da historia acostuma a facerse por amor patrio e o outro por presunción. Tampouco nos sabe dicir o amigo Xulio se esa historia que se conta de cando morreu Xulio Cesar, que os finados se levantaron das súas tumbas e transitaron as rúas de Roma en comitiva de espectros anunciando grandes desgrazas, como a nosa Compaña fai ou facía entre nós, é semellante á de cando Cristo expirou sobre a cruz, que tremeu a terra e resucitaron os mortos. ¿Quen copiou a quen?. Do propio Olav, aquel viquingo que chegou a santo despois de arrasar e destruír a catedral de Tui, de secuestrar ó seu bispo e a todo cristián con posible valor crematístico nas poxas de escravos, sábese que lle copiou a Xesús de Nazaret o de converter, no seu caso, a auga en cervexa, e cando morreu a terra tamén tremeu coma cando morreu Cristo.

A cuestión non é quen foi antes, quen foi o primeiro, senón cal se escribiu antes, porque a maioría destas historias foron escritas cando xa non quedaba ninguén para desmentilas. César morreu corenta anos antes de que nacese Cristo e os evanxeos máis madrugadores escribíronse sesenta anos despois da chegada do Espírito Santo. E o que queda, como dicía a Pardo Bazán, é o que se escribe. Non o que foi, engado eu.

Mais, como queira que sexa, non me negaredes que estas historias, da terra tremendo por mor da morte dun persoeiro ou a dos valentes deuses espada en man para protexer ós seus devotos, non é unha marabilla de imaxinación, digna de ser copiada e ata adulterada para darlle ánimo ós sufridos paisanos.


Comentar