Vella causa
Barbanza
08 Jun 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Coincidindo co 200.º aniversario do nacemento de Walt Whitman, para arredarme un pouco dos cálculos postelectorais, de sumas e restas, de alianzas e roturas con todas as variables de amizade, odio, consellos de pago ou gratuítos, repulsións, causas, causantes e outras andrómenas, botei man deste poeta para que puxese algo de sosego no meu entorno. E non o fixo.
Xa desde o primeiro intre, cando abrín o libro ó chou, entroume a mesma angustia que a el cando un neno lle preguntou ¿que é a herba?. Porque, mirade que se me fai difícil explicar algo tan simple e coñecido, e sen embargo quen máis e quen menos proclama solucións e amaña os problemas máis complicados da sociedade cunha frase polisémica na que cada quen toma o significado que máis lle convén en nome de non sei que causa. Sempre a causa como razón de ser. Creo que non acertei escollendo para estes días a Whitman, que tanto me lembra a realidade, pero aínda así sigo con el, remoendo os versos coma quen remoe un caramelo de moitos sabores, sen esquecer o amargo, o agre e o acedo, espremendo cada palabra mentres se amontoan os periódicos nunha esquina do cuarto, convertendo en arcaicas as noticias de onte á noite, porque se ben as proclamas son firmes, os pactos son inestables e as intencións volubles. Non entendo nada e ata me dá preguiza buscar un dicionario adecuado para descifrar tantas palabras reviradas, ou como en nome das causas máis nobres cada quen nega a do outro (igual de nobre) e aínda te sinala co dedo por non compartir a razón sublime da súa causa. E cos amigos que saben algo de literatura procuro evadirme falando deste barbudo, demócrata convencido que, entre outros moitos traballos que exerceu para ir saíndo adiante, empregouse de enfermeiro durante a Guerra Civil americana, porque os seus paisanos estaban matándose en nome da puñeteira causa que cada quen entendía ó seu xeito mentres o país quedaba sen sangue.
E así, pensando que vai pasar cos votos mal votados, cedidos, prestados, vendidos ou secuestrados a aqueles que non están de acordo con que a súa decisión se transmita a outro grupo sen o seu permiso expreso, pois se el o quixese xa votaría por aquel, ou porque prefire os pactos puntuais segundo as necesidades, ábrese como unha flor de primavera, entre as páxinas do bardo de Long Island unha dedicatoria en verso que me obriga a esbozar o sorriso do receo fronte a estas palabras que trato de transcribir como mellor sei:
¡Para ti, vella causa!/ Ti, causa xusta, apaixonada e sen par,/ idea firme, implacable, doce/ imperecedoira no tempo, as razas e os países/ tras unha guerra, estraña e funesta, unha grande guerra librada por ti/ (Creo que todas as guerras da historia foron realmente libradas e han de seguir librándose sempre por ti).
E entón volvín ós xornais, a repasar toda a letra miúda para tratar de entender a causa de cada quen, comprobando que ela xustifica todos os actos e ten tantas caras como persoas hai. E sigo sen entender por que non hai puntos de encontro cando todos ofrecen as mesmas cotas de benestar. A non ser que sexan ofertas de boca a fóra. Xa sei que son moi iluso. Pero sigo sen saber cal é o motivo real de tanta e tan dispar discrepancia?. Cal é a causa real de cada quen?. Que ben nos iría se a política fose tan clara como a poesía!