La Voz de Galicia

Peter Handke estivo entre nós

Barbanza

Gonzalo Trasbach

«Na Semana Santa do 2016 fixemos unha excursión por Castela e no camiño de volta pasamos un día en León. Como era obrigado, visitamos a súa belísima catedral gótica e acabamos nunha capela lateral por mor das obras que tiñan lugar na nave principal»

27 Oct 2019. Actualizado a las 05:00 h.

(IN) SOMNIUM Gonzalo Trasbach

Na Semana Santa do 2016 fixemos unha excursión por Castela e no camiño de volta pasamos un día en León. Como era obrigado, visitamos a súa belísima catedral gótica e acabamos nunha capela lateral por mor das obras que tiñan lugar na nave principal. Baixo a luz daquelas vidreiras que tiñan a fragrancia das rosas góticas castelás, sentíase unha soidade tan fonda que, á vez que a dureza da existencia, nos invadiu unha tenrura inefable.

Aquel instante, repleto de beleza e terror espiritual, evocoume a nosa catedral por excelencia, a de Compostela, na que está o sepulcro do apóstolo Santiago. E á vez que lembraba a súa luz recollida veume á cabeza Peter Handke. Como xa saberán, este é o nome do escritor, poeta, novelista, cineasta e autor teatral ao que Academia Sueca acaba de outorgar o Premio Nobel de Literatura deste ano, un galardón que compartiu coa polaca Olga Tokarazuk, que recibiu o correspondente á edición anterior, que quedara baleiro por mor do descubrimento dun escándalo sexual que afectaba a algún dos membros de tan lustrosa institución sueca. Aínda que quixeramos, nada máis podemos engadir sobre a escritora de Polonia, porque nos é totalmente descoñecida.

Nacido en 1942 en Griffen, rexión de Austria próxima a Eslovenia, Handke estivo na Semana Santa do ano 1988 no templo compostelán. Por iso me acordei del. No seu libriño Una vez más para Tucídides relata que, estando sentado na nave central da nosa catedral, observou como uns curas de parroquias rurais entraban uns tras os outros nunha capela lateral cun recipiente que en realidade era un tres en un para sacar de tres bidóns a ración anual de aceite bendito para as súas correspondentes igrexas: aceite de extremaunción, aceite de catequese e aceite para os enfermos. Un prelado catedralicio repartía os diferentes aceites. Tratábase dun espeso e brillante aceite de oliva galego dun olor, non, mellor dun aroma intenso e de cor verde amarela.

 

Mais o agora Nobel de Literatura, ao que arestora loan case todos os xornalistas, moitos dos cales son os mesmos que antigamente o ignoraban ou insultaban pola súa postura na guerra dos Balcáns, algúns dos cales o tildaron e aínda o tildan de inimigo da opinión pública europea e amigo do que fora o «carniceiro dos Balcáns», tamén estivo na Coruña, segundo conta no mesmo libro. Foi o 30 de marzo de 1988. Entón entrou nunha taberna da capital herculina e conta que ao final do local, entre os barrís de viño, veu como uns nenos miraban cada dous por tres para o televisor ao mesmo tempo que facían concienzudamente os seus deberes escolares. Un pouco máis adiante relata como o día anterior en Vigo contemplou a aperta que se daban as ondas do océano Atlántico coas do río na desembocadura do Lagares, e logo como as ondas dun e do outro conxuntamente se adentraban no mar.

Camiñante infatigable e gran coñecedor de España, do cal dá conta en obras coma Ensayo sobre el cansancio (1989), que escribiu en Linares (Jaén); Ensayo sobre el Jukbox (1990), que fraguou en Soria, ou o seu pouco coñecido, pero arestora único libro esgotado, La pérdida de la imagen, sobre a serra de Gredos, Peter Handke, que dende fai trinta anos vive en Chaville, unha pequena vila ás aforas de París, remata o seu texto titulado Últimas imágenes, dicindo que Galicia é un país de granito, onde se abraza o murmurio da auga co rechouchío dos pardais no medio do tráfico metropolitano.

 

 

 

 


Comentar