Xosé Luis Sánchez Ferraces: «A obra de María Mariño é unha radiografía da bipolaridade»
Barbanza
Conclúe que a escritora padecía a enfermidade e que describe os seus síntomas nos versos
15 Nov 2019. Actualizado a las 10:15 h.
Arroxar luz sobre a obra de María Mariño, tratando de saber o que se agocha detrás dos seus enigmáticos versos, levou a Xosé Luís Sánchez Ferraces a mergullarse nos seus poemas. Recolleu as conclusións nun libro, Baixo o signo da bipolaridade, editado por Galaxia, que hoxe se presenta no centro social de Boiro (20.30 horas).
-Con que obxectivo emprendeu esta investigación?
-Quería ofrecer unha interpretación convincente da poesía de María Mariño, o que había eran elucubracións fantasiosas que carecían de rigor crítico. A explicación que me convenceu foi a da bipolaridade, a enfermidade que afectaba a esta escritora.
-Nunca antes se tivera en conta esta posible enfermidade de María Mariño?
-Nunca se aludira a ela de forma explícita. Hai unha alusión de maneira velada de Manuel María, que fala dunha escuridade que está enraizada no mundo complexo da autora.
-Como chegou vostede a esta conclusión?
-Despois de ler e reler os poemas dela e os libros que falan da bipolaridade.
-Están presentes os efectos desta enfermidade nas tres obras de María Mariño?
-Nos tres hai un feixe de poemas que aluden de forma velada. Nunca fala da enfermidade, pero si que a deixa entrever. Una característica da bipolaridade é que nunca se sabe cando van aparecer os síntomas e cando se van ir. Un dos seus poemas di: «Eu non sei se xa pasou ou se inda ten que pasar, ou se aquilo que eu sentín non foi sentir, foi soñar, vivo no preto quedo dun lonxano latexar».
-Como é entón a obra de María María?
-A obra de María Mariño é unha radiografía da bipolaridade. Hai moitos psicólogos que son enfermos bipolares e que teñen descrita a enfermidade desde un punto de vista científico acompañándoo da súa experiencia persoal. Sempre digo que se coñeceran a María Mariño sería a máis citada nos seus estudos. Na súa obra reflíctense as pautas que segue a bipolaridade, as decaídas dos enfermos ao longo do día e tamén segundo as estacións.
-Que outros aspectos interesantes atopou na súa obra?
-No libro analizo tamén os mecanismos expresivos e simbólicos que emprega para describir a enfermidade. Hai poemas que son moi difíciles de entender e outros que son realmente enigmáticos. Cando está máis deprimida, a expresión vólvese tola.
-Contribuíu esa bipolaridade a engrandecer a súa obra?
-Non o creo. O que fai a María Mariño unha figura importante dentro da literatura galega é a maneira de escribir, a forma de expresar os procesos emocionais.