Díxonolo Hegel
Barbanza
12 May 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Adispersión xeográfica de Galicia volve mostrar outra das súas vantaxes, neste caso fronte ao coronavirus. Namentres miles de madrileños se infectaban no interior do metro ou nos conglomerados nos que viven, a nosa estrutura territorial foi unha defensa contra o contaxio. O confinamento rural tamén é ben distinto do dos barrios de bloques. Impensable contaxiarse en Ponteceso ou en Aguiño. Con todo, unha vez máis, as nosas directrices foron marcadas dende Madrid, cos criterios de alá, ignorando a nosa realidade. Na fase 1 podemos viaxar de Rianxo a Ortigueira, pero non a Catoira; resulta incomprensible.
A nosa relación coa pandemia vén cos de fóra de Galicia, e non o queremos ver. Con miles de falecidos latentes, promovemos alegremente parcelar as nosas praias para meter aos foráneos nelas como se mete o gando nas leiras. É o modelo do desarrollismo que herdamos dos 60, do Mediterráneo, do chiringuito.
Ignoramos os rebrotes que tivo a gripe española de 1918, que foron máis devastadores que a primeira fase pandémica, e que prolongaron dous anos a agonía. Ignoramos os informes médicos militares que anuncian dúas vagas máis de pandemia -unha xa neste outono- e 18 meses de contaxio. Esquecemos de contado o confinamento e as súas consecuencias económicas.
Como dicía Hegel, o único que podemos aprender da historia é que non aprendemos nada dela, así que o sufrimento da pandemia non nos fará máis sabios, senón máis parvos. Danme moito medo os criterios cos que afrontamos o Xacobeo 21 e o Camiño como autovía do virus.