La Voz de Galicia

A couza

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

02 Jun 2020. Actualizado a las 05:05 h.

A sombra dun depredador silencioso sobrevoa a nosa arquitectura tradicional: o construtor esperto. Trala emigración dos expertos na construción e mantemento das casas, caemos nas mans de construtores que saben de ladrillo e de formigón e que desprezan a madeira antiga, o cal e todo o tradicional, porque non aprenderon a restaurar. É o pan noso de cada día, unha materia pendente en Galicia, que como en Europa, debe pasar por unha formación continua en restauración e que sexa requisito imprescindible para permitirlle actuar no noso patrimonio. Namentres non o fagamos, seguiremos borrando a nosa historia.

A pasada semana fun asesorar aos propietarios dunha casa con muros de pedra caleados, tellado de tesoiras, pontóns e ripas, todas elas de madeira, contras de madeira nas xanelas e estruturas de madeira entre os pisos, pavimentos de madeira e unha fermosa escaleira de madeira con varanda artesanal que hoxe ninguén sabería construír. Pero tamén unha casa colonizada por miles de insectos coleópteros que enchen a madeira de pequenos buratos, unha casa chea de couza (polilla, en castelán). Tras comprobar a solidez da estrutura e a resistencia de toda a madeira, o meu consello foi unha potente acción funxicida que eliminaría toda a couza, e con pequenas obras posteriores de poucos cartos devolveríalle á casa a vida que leva tendo dende hai douscentos anos.

A miña sorpresa foi saber que varios construtores aconsellaron botar todo abaixo e construír placas de cemento e tabiques de ladrillo: unha aberración que non se permitiría en países europeos o teñen prohibido.


Comentar