Os ratos
Barbanza
25 Jul 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Unha desas persoas que non soporta a modificación ou adaptación ós novos tempos das antigas obras e dos vellos costumes que o paso dos anos vai volvendo obsoletos é a tía (solteirona por testana) da miña amiga Xoana Salgueiro. Cando a anciá soubo que a sobriña, tras aprobar unhas oposicións, se ía a vivir co seu mozo, sen vestir de branco nin axeonllarse no altar da Purísima, sopesou a conveniencia de non volver mirarlle á cara.
Aquela teima dáballe risa á miña amiga, «tía, hai que ir cos tempos». E ía falarlle da simboloxía do branco, do dano que fan as supersticións e de canto escravizan as imposicións, pero tamén de que antes de axeonllarse no altar da Purísima as mozas axeonllan, por gusto, pracer e amor no de Venus, esa fermosa deusa de quen, os romanos, procuraban arredar o seu templo dos barrios ricos, para que as rapazas da alta sociedade non se visen influenciadas pola súa libido. Pero non lle dixo nada. Cada quen ten dereito a manter as súas crenzas e opinións. Comprendeu que aquilo que lle inculcaron desde nena era tan inamovible como o equilibrio do universo (que tampouco é tan equilibrado como se pensa). Aínda así, respectar non significa acatar. Niso se diferenza o humanismo do integrismo.
O caso foi que, pretendendo constrinxir á sobriña, a señora, tras ameazar con sacala do testamento sen que a rapaza se inmutase, aínda sabendo que toda maldición só fai efecto cando se cre nela, botoulle unha coa suficiente dose de rabia como para asustala e amosar ben ás claras o seu enfado: «Aínda os ratos teñas por compaña». E tal foi.
Xoana e o mozo foron destinados a un pobo da montaña e escolleron para vivir unha casa de aldea onde, ó mes de estar alí, sentían cada noite carreiriñas polo faiado que, lembrando a bocallada da tía, incrédulos e intrigados, armados de lanterna e vasoira non tardaron en confirmar a temida praga. Comentárono cuns veciños preguntándolles por algún método para erradicalos, xa fose veleno ou garamelo; e todos se estrañaron, pois desde que as casas gardan os comestibles en neveiras xa ninguén ten ratos. Iso era cousa de antes, de cando poñían o froito a secar no faiado, ou cando vacas e galiñas compartían teito coma calquera membro da familia. Daquela Xoana, tras analizar o caso, decatouse de que alí arriba era onde botara a secar unhas castañas que apañara durante un dos seus paseos por un souto de preto da casa.
Evidentemente, a parella discorreu e preparouse para solucionar o problema retirando as castañas esparexidas e tapiando as despensas que os ratos argallaran nalgún oco das antigas paredes, onde se converteran en verdadeiros ocupas. A tía da miña amiga, cando ela comentaba o problema nas sobremesas familiares, ría polo baixo rosmando que era a xustiza divina atendendo a súa súplica, e teimaba Xoana que só fora o seu descoñecemento dos usos do rural. ata formarse dous bandos: «Fose como fose a maldición cumpriuse», dicían os que crían no poder de invocación da tía. «Fose como fose, coñecida a causa erradícase o problema», dicían os outros.
Ó rematar o curso, Xoana decidiu legalizar a súa situación sentimental diante dun xuíz, pero súa tía volveu protestar, «Sen estola nin auga bendita, iso non é voda nin farrapos de gaita», e aínda sopesou que nova praga lle botaría para facerlle trocar a sala do xulgado pola nave da igrexa. Polo que puidese ser, Xoana adoptou un gato de mascota.