La Voz de Galicia

Róubannos

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

18 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Écomo unha guerra silenciosa cuxas baixas están ben á vista, nos medios de comunicación ou nas redes sociais, que moitas veces son armas que favorecen esa contenda. Levamos tempo vendo como desaparecen esculturas dos edificios ou virxes dos cruceiros, como venden hórreos ou sartegos na Rede.

Vemos como nas redes hai estruturas completas de madeira á venda, ou se ofrece a pedra das casas gratis ou a baixo prezo -para enganar ao fisco-, con total impunidade e á luz do día. Elementos catalogados e outros que deberían estalo pódense comprar cun só clic dende a computadora, dende o móbil.

Moitos pregúntanse por que a policía non os persegue con máis firmeza, ou case nos preguntamos por que non se buscan indicios, por que non se investiga. Outros botan sapos contra patrimonio, como se dun exército de inspectores se tratase. A verdade é que a estrutura xurídica especializada no patrimonio cultural é inadecuada, imprecisa e chea de goteiras. Tamén moitas autoridades son lasas nunha actuación que lles compete. Para que van investigar? O propio fiscal de patrimonio histórico, Javier Rufino, díxoo nunha entrevista a un xornal estatal: «Coas nosas leis sae moi barato danar e espoliar o patrimonio histórico».

Non hai interese por el, salvo por parte dun reducido grupo de persoas que sufrimos con cada espolio, que coas nosas redes sociais alertamos ao pobo e, nalgúns casos, vemos como recompensa o achado de pezas dadas por perdidas. Cada elemento que se perde é unha neurona menos da nosa identidade, pero para entendelo temos que educarnos nesa sensibilidade, nese amor polo noso.


Comentar