O gran parque
Barbanza
20 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Omar é o maior espazo público que temos en Galicia. Libre de valados, costas e obstáculos que impidan percorrelo en calquera dirección, salvo as bateas e os penedos -laxes- que forman parte do seu atractivo e da paisaxe, e que axudan a manter as referencias. Apto para utilizar por todas as idades, cada un na súa medida. Coa homoxeneidade suficiente como para que cada quen decida o xeito de gozalo.
Un espazo que é de titularidade pública e uso ilimitado, que ten dúas versións paisaxísticas diferentes: o mar aberto, horizonte, infinito; e as rías, coa seguridade dunha beira do outro lado, con paisaxe propia que a diferenza doutras rexións. A única limitación para o seu uso é temporal, cando o temporal se transforma en bravío e intratable. Representa unha mínima porcentaxe dos días do ano.
Ademais de espazo de lecer colectivo é o maior parque empresarial das nosas costas, pois dá traballo a milleiros de familias de xeito diversificado, abarcando o sector primario, o industrial e o de servizos. Un parque aberto a calquera economía, dende a máis humilde ata a máis sofisticada. É a maior riqueza do noso país.
Con todo, sempre tivo ameazas de insolidarios que subestiman a calidade pública única deste gran parque: os vertidos, os espigóns que se cravan nel e ultimamente, a sombra dos eólicos mariños, que non debemos permitir de xeito ningún. Non é a costa galega un campo de experimentos para enriquecer foráneas multinacionais que nin sequera impostos pagan aquí e que so teñen un obxectivo, que non é precisamente o coidado do medio ambiente e da paisaxe.