La Voz de Galicia

O segredo eólico

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

08 Mar 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Écerto que o prezo da electricidade acada niveis prohibitivos para a maior parte da poboación. É certo que hai unha Axenda 2030 establecida por Europa como unha meta estrutural, que centra a produción de enerxía nas renovables. É tamén certo que nos impoñemos metas talvez irreais, cando o resto do mundo mira para outro lado e ignora o que se coce en Bruxelas. É tamén certo que as eléctricas teñen vía libre para facer propostas moi beneficiosas para os seus investidores, moitas veces abusando do abandonado rural galego, da súa estrutura de propiedade e con pingües ofertas para as comunidades de montes. É certo que os galegos non miramos polo noso futuro e aplaudimos innovadores proxectos que veñen de fóra. É certo que esas empresas oligarcas non pagan os seus impostos na nosa terra, xa que o fan onde teñen as súas sedes sociais.

En que nos beneficia ao 95 % dos galegos que se enchan as serras de eólicos, se non nos van baixar o prezo da electricidade nin van repercutir os seus impostos nas nosas arcas?

Só a empresa Naturgy (a vella Fenosa, agora italiana) xera actualmente 4.026 GWh cada ano de enerxía renovable, suficiente para cubrir o consumo de 1,1 millóns de fogares, todos os que ten Galicia. Súmaselle a enerxía producida en Galicia polas outras compañías e aínda proxectan centos de novos muíños. O que non nos explican é que a comunidade de Madrid, con moitos máis fogares, declarou protexido todo o seu territorio rústico, quedando prohibidos os eólicos, polo que teñen que importar enerxía, e Euskadi e Aragón tamén están protexidas. De onde? De Galicia.


Comentar