Unha noite soñei
Barbanza
03 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Unha noite soñei que Manuel O Caseiro, o canteiro escultor de Carboeiro, tropezou cunha pedra de seixo dun bo tamaño cando paseaba polos camiños dos arredores da súa casa, por enriba da igrexa de Cures. No soño, o artista do granito collía a materia do seu oficio, levábaa para a casa e logo pousábaa nun curruncho da cociña vella, a carón da lareira. Era unha tarde de inverno. Prendeulle lume ás achas que estaban ao pé do forno e despois sentou a contemplar o rubir e baixar das chamas. Enfeitizado polo brillo quente da fogueira, adormeceu e mentres lle durou ese adormecemento escoitou como o seixo que acaba de pousar preto del, talvez non por casualidade, chamábao polo seu nome. Ao primeiro non fixo caso. Pero esa lonxana voz repetiu o seu nome. E entón mirou para onde estaba a pedra e aparecéuselle o rostro dunha virxe de ollos luminosos e grandes, e que mesmo lle chiscaba un deles. Foi cando espertou sobresaltado, asombrado. Ergueuse, colleu un punzón dos finos e un martelo livián e empezou a picar lenta e agarimosamente. E non parou de tallar até que lle deu forma á figura que vira entresoños. E logo bautizouna coma Virxe branca con ollos grandes, porque realmente os ollos eran desmesurados.
Soubo nesa noite escura, negra coma a espesura do bosque, que tiña unha relación íntima e subterránea, e mesmo clandestina e pasional, co mundo mineral, coa humidade que domina nesa rexión de sombras e silencio. Soubo tamén que eran as súas mans as que pensaban en contacto coa materia, dándolle forma ás cousas, sen someter a pedra a unha idea a priori.
E pensei nese soño cando unha tarde ao saír de Loxo de Abaixo, no lugar de Talló, onde aínda se perciben ruínas de casas e alpendres, a ambos os lados da estrada, cando mirei para dous cruceiros situados na beira dun camiño de carros. O da esquerda ten unha base cuberta de mofo, un fuste octogonal, pero truncado polo capitel, arrincado violentamente. O da dereita é un dos chamados cruceiros de Loreto ou con capeliña, onde acostuma levar unha figura da Virxe co Neno no colo ou co corpo de Xesús morto. Ten unha plataforma de tres chanzos e un fuste curto e forte que coroa un pedestal cun anxo debuxado debaixo da capela baleira. É coma o da entrada de Coroño, só que este ten no cumio da capeliña unha cruz cun rombo que ten adornos en tres dos vértices e que, á vez, leva no medio unha estrela de catro puntas. Dentro da capela, a falta da imaxe que tivo nalgún tempo, alguén colocou o cacho dun poste de granito.
Pois ben, conta a lenda que foi un habitante daquelas illadas casas de Talló o que se levou a talla rústica que encarnaba á Virxe María e o corpo do seu fillo morto, algo así coma unha piedade esculpida en granito. Ao parecer, o home roubouna e agochouna nun sitio do monte porque a consideraba causante da enfermidade que padecía a súa nena pequecha. Sostiña aquel atribulado pai que o fixo porque unha noite cando regresaba para a casa coa meniña ás cachapernas, veu que a figura lle daba as costas. Interpretou que estaba en contra da súa familia, porque cando pasaban outros veciños mirábaos de fronte.
No tocante á imaxe movediza da Virxe, conta Castelao en As cruces de pedra na Galiza que hai unha na capeliña do cruceiro de Cubeliño, aldea no límite entre a Agra de Ferreiros e Quinteiro, que segundo as xentes de aquel lugar quixeran que o vento soprase nunha ou noutra dirección, situaban a imaxe cara a un punto cardinal ou cara a outro. Pode que o noso pobre home ignorase esta antiga tradición, pois de sabelo non se levaría a figura da Virxe con Cristo morto no seu colo, e menos pensaría que estaba en contra del e da súa filla pequena.