A Pobra celebra o Día da Patria con Carlos Callón e un concurso de Tik Tok
Barbanza
O ribeirense presentará o luns o seu libro sobre as consecuencias da Guerra Civil no galego
12 Jul 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O Concello da Pobra ideou unha programación especial para a conmemoración do Día da Patria, na que figura o reparto de bandeiras galegas. Os veciños que se queiran facer con unha só teñen que pasar pola casa consistorial.
Outra das propostas consiste na presentación de O libro negro da lingua galega, do que é autor o ribeirense Carlos Callón, que o vindeiro luns recalará na alameda da vila ás 21.00 horas. Neste volume, o historiador, sociolingüista e poeta recolle as consecuencias que tivo a Guerra Civil en Galicia a diferentes niveis, entre eles, o relativo á lingua.
A maiores, o Concello impulsa a segunda edición de Galeguizando Tik Tok, un concurso consistente en colgar vídeos na coñecida plataforma coa temática do Día da Patria e empregando, claro está, o galego.
As persoas que desexen participar neste certame teñen que inscribirse no correo normalizacion.linguistica@apobra.gal. O prazo para anotarse concluirá o 5 de agosto e para enviar os vídeos, o 15. Haberá premios para os gañadores en tres categorías: o máis orixinal, o máis divertido e o máis creativo.