La Voz de Galicia

Os mártires de Cans seguen vivos na memoria de Nebra 106 anos despois da traxedia

Barbanza

Christopher Rodríguez Ribeira / La Voz

O BNG aproveitou a homenaxe para defender a xustiza fiscal, mentres que os veciños realizaron a súa habitual ofrenda floral

12 Oct 2022. Actualizado a las 18:51 h.

O 12 de outubro é unha data marcada en vermello no calendario de todos os españois. O día do Pilar, coñecido pola celebración da Hispanidade, é motivo de festexo en practicamente todo o país, pero, como xa é tradición, na parroquia sonense de Nebra os homenaxeados nesta data son os campesiños asasinados na Ponte de Cans no ano 1906 por opoñerse a uns impostos que consideraban inxustos.

O que tamén vén sendo habitual é a separación desta cita, que se divide en dous actos de distintas características, pero ambos honrando ás mesmas persoas. Por un lado a xuntanza do BNG e, por outro, a dun grupo de residentes na parroquia

Os veciños foron onte os primeiros en realizar unha ofrenda floral no monólito en lembranza dos mortos, unha conmemoración que se vén sucedendo dende hai 23 anos, cando Paco do Martelo organizara por primeira vez esta cita que acabou por converterse en tradición.

A pesares de que a veciñanza adoitaba reunirse pola tarde e completar a homenaxe con algún tipo de actuación, este ano seus promotores víronse obrigados a adiantala porque algúns dos asistentes só podían asistir en horario matinal. Non faltou á cita a viúva de Paco do Martelo, que foi unha das encargadas de colocar o ramo de flores no monolito que lembra no lugar aos mártires de Cans.

Lembranza ás mulleres

Pola súa banda, o acto organizado polo BNG comezou coa intervención da deputada Olalla Rodil, que definiu a homenaxe aos mártires de Nebra como un acto de lembranza e recoñecemento ás mulleres que se rebelaron contra os impostos que consideraban abusivos no Porto do Son de principios do século XX.

«Segue a ser necesario reivindicar xustiza social nas taxas fronte ás forzas políticas que fan rebaixas fiscais aos ricos, como no caso da redución do imposto do patrimonio, que supón deixar ás arcas sen 34 millóns de euros moi necesarios para os servizos públicos e máis en tempos de crise», subliñou Rodil.

Na cita, a deputada tamén se mostrou a favor da memoria das mulleres que, como os mártires de Cans, protagonizaron unha historia de loita social: «Debemos facer memoria como galegas, mulleres e traballadoras, xa que seremos esquecidas se non pensamos sobre nós mesmas».

Ademais Rodil destacou a labor de Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Cadórniga que, segundo explicou, estaban naquela mobilización para defender «o que era seu, a súa casa e as súas vidas», motivo polo que se produciu a traxedia do 1926, cando máis de 400 persoas se manifestaban en contra do pago dos tributos.

A representante nacionalista mencionou que a da parroquia sonense non foi unha loita illada, senón que tamén se deu noutros municipios contra outro tipo de xuros e actividades inxustas: «As líderes da fame erguéronse contra aqueles que as estaban privando dos alimentos e dos recursos aos que tiñan dereito e facíano contra o poder político que as relegaba».

No acto asistiron representantes nacionalistas, como o voceiro municipal, Balbino González, e veciños, como Santiago Suárez.


Comentar