La Voz de Galicia

Planos da casa

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto
Votación en el pleno del Parlamento Europeo.

12 Apr 2023. Actualizado a las 16:34 h.

Era visto. Xuntarnos cos europeos non foi ningunha bicoca. Ademais de incentivar a destrución de barcos e outras cousas ás que lle chaman «converxencia europea», agora pídennos os planos da casa. Se vostede quere vender unha vivenda, hipotecala ou pedir unha subvención, vanlle pedir o «libro do edificio», que son os planos da casa, o certificado enerxético e o manual de uso e mantemento.

Moi poucos conservamos os planos da nosa casa. Algúns incluso fixeron a casa sen planos. Ata tivemos un alcalde que foi inhabilitado por animar aos ribeirenses a construír a casa sen proxecto, porque considerábao un imposto do arquitecto.

Cada vez máis, sábeno todo sobre nós, ultimamente ata podemos saber os cartos que necesita vostede para «converxer con Europa», conseguindo o distintivo «emisións cero». Xa non vale aquel certificado no que un técnico aseveraba que a casa era moi vella e non tiña por que ter proxecto nin ser legal. Agora ten que ser legal e ten que ter planos para ir ao notario.

Era visto. Un holandés —ou alemán— non entende como hai casas en España sen proxecto, sen ideas, sen documentos. Aquí foi moeda de curso legal ata agora. Que nos vai pasar se non converxemos con Europa? Seguirán sancionando a España por incumprir, porque somos os maiores incumpridores da UE, vai no noso ADN.

O cachondo —por non poñerlle outro nome— é que o Ministerio nos pode dar unha subvención de 20 euros para os planos. 20 euros non cobre nin a consulta a un arquitecto. Só nos faltaría que nos pidan que os planos os presentemos por rexistro dixital.


Comentar