La Voz de Galicia

Adeus a Ayaso, o pintor ao que en Estados Unidos equiparaban a Goya

Barbanza

m. x. blanco ribeira / la voz

O pintor doou dúas mil obras ao Concello e está pendente a súa exhibición

17 May 2023. Actualizado a las 09:13 h.

Morreu sendo un dos grandes artistas de Barbanza, de Galicia e incluso do mundo, pero tiveron que pasar moitos anos, máis dos desexables, para que Manuel Ayaso fora recoñecido como «o máis grande a nivel humano e artístico». Así se refire ao pintor de Ribeira falecido a noite do luns aos 89 anos de idade o seu colega, amigo e compañeiro de batallas creativas Alfonso Costa. El, como tantos outros, considera que aínda queda por saldar unha débeda: un museo que se encargue de difundir e perpetuar a vida e a obra do aguiñense cuxa carreira despegou en Estados Unidos.

Foi ao outro lado do charco onde Manuel Ayaso se forxou un nome cando na súa terra era un auténtico descoñecido. «Pasa con moitos artistas, que teñen que saír fóra para seren recoñecidos e é cando volven á súa terra cando conseguen abrirse camiño aquí», explica Costa. Engade que o ribeirense era coñecido en Estados Unidos coma o Goya español. Gañouse a comparación pola súa refinada técnica, coa punta de prata como sinal de identidade, pero tamén por un estilo e unha temática moi singulares.

A América levou, cando emigrou, os recordos e as vivencias da súa infancia en Aguiño, para convertelos en eixo da súa obra. Aínda que de neno medrou pintando as dornas do porto da localidade pesqueira, unha enfermidade que lle afectou ao pulmón e a punto estivo de custarlle a vida, sumada a unha especie de exorcismo que lle practicaron en Tállara e ás lendas propias da Galicia rural marcaron para sempre os seus cadros. «El non pensaba en facer obras que lle gustaran ao público, senón en amosar a súa vida, os seus sentimentos. Facíao cunha técnica impecable», apunta Alfonso Costa.

 

Etapa dourada

Elementos vinculados coa morte, a relixión e o mar vistos desde unha óptica surrealista que en ocasións chegou ao esperpento elevaron a obra de Manuel Ayaso á categoría de única, permitíndolle despuntar en terras americanas case desde o principio. Alí viviu a súa etapa dourada nos anos 70 e 80, prodigándose en galerías e exposicións mentres recibía unha chuvia de premios.

O pintor de Aguiño tivo que esperar a mediados dos 90 para que o seu nome empezara a transcender na súa terra. Unha exposición na Casa de Galicia en Madrid abriulle as portas da Casa da Parra compostelá, que supuxo a súa plataforma de lanzamento. A este lado do charco, o despegue foi lento. Recibiu un dos primeiros recoñecementos no seu Aguiño natal no 2009, cando foi nomeado Aguiñés das Artes e socio de honra da entidade Francisco Lorenzo Mariño. Un par de anos antes recibira a Paleta de Prata de Agra, a Asociación de Artistas Plásticos Galegos.

Logo chegaron outros. O Premio Barbantia da Cultura Galega no 2015, a declaración de fillo predilecto de Ribeira no 2022 e a distinción de percebeiro de honra de Aguiño, tamén o ano pasado. Ademais, a casa de cultura desta localidade leva o seu nome e unha estatua realizada en bronce por Jontxu Argibay perpetuará para sempre a súa memoria desde a praza do concello ribeirense. Pola contra, no aire quedaron os diversos intentos realizados polo Concello para que fora distinguido coa Medalla Castelao.

 Despegue na súa terra

A nivel artístico, os seus grandes aliados foron o centro cultural Lustres Rivas, onde despois do confinamento expuxo unha das súas últimas coleccións, Reflexos da Costa da Morte; e o Museo do Gravado de Artes, que o situou entre os grandes gravadores publicando unha selección de máis dun cento de estampas inspiradas en Kafka en formato de libro para bibliófilos.

El director deste centro artístico, Pastor Rodríguez, referíase onte ao pintor de Aguiño como «un artista universal, mais coas raíces ben fincadas en Galicia, nas súas tradicións, nos soños, no esperpento e na verdade profunda. Sempre cun estilo persoal que abrangue surrealismo e expresionismo, o telúrico e o onírico, a realidade vista cos ollos do espírito. Un traballador incansable na pintura e o gravado, con dominio de diferentes técnicas».

Pastor Rodríguez destacaba, como ben universal que queda trala marcha de Manuel Ayaso, a súa extensa obra. Non era a única voz do mundo da cultura de Barbanza que onte facía mención a esa materia que aínda segue pendente: a apertura dun museo. O propio pintor de Aguiño manifestou en máis dunha ocasión o desexo de que os seus traballos foran expostos de forma permanente en Ribeira, ata o punto de que lle trasladou ao Concello a intención de doar dous mil cadros que el mesmo catalogou. A corporación local aprobou entón a creación dunha fundación que se encargará de conservar ese importante legado e a idea é expoñelo no centro Lustres Rivas en canto se materialice o traslado da biblioteca ás novas instalacións. Só entón, a débeda co artista universal quedará totalmente saldada.

Homenaxe previa ao enterro con actuación de Esperanza Mara

Os restos mortais de Manuel Ayaso están sendo velados no Tanatorio Crematorio do Barbanza, situado en Xarás, desde onde partirán ás 18.15 horas desta tarde rumbo ao cemiterio municipal de Ribeira, onde terá lugar o enterro. O funeral foi fixado para mañá, ás 19.30 horas, na igrexa parroquial de Santa Uxía. Unha hora antes de que arranque o cortexo fúnebre terá lugar unha homenaxe.

Da organización deste acto encárganse a familia de Ayaso e la asociación Arga. A falta de que se concreten todos os detalles, sábese que haberá intervencións de artistas e amigos do falecido, como a do noiés Alfonso Costa, e unha actuación musical a cargo da soprano Esperanza Mara, que interpretará varias pezas dedicadas tanto ao pintor como á súa muller, Lucía Rivas.

Desde onte pola mañá, as bandeiras da casa consistorial ondean a media hasta e locen crespóns negros. Ademais, a media tarde colocouse unha coroa de loureiro na estatua dedicada a Manuel Ayaso que está instalada na praza do concello.

A corporación ribeirense gardou un minuto de silencio antes do inicio do pleno extraordinario que se celebrou a primeira hora da tarde. A sesión arrancou coa lectura dunha declaración institucional acordada por todas as formacións, á que lle puxo voz o alcalde, Manuel Ruiz Rivas. No texto, os grupos políticos quixeron poñer de relevo a traxectoria artística do falecido, referíndose a el como «un creador universal, posuidor dun estilo único e inconfundible, só á altura de grandes mestres como Goya e Picasso». Do mesmo xeito, destacaron a cantidade de premios que recibiu, tanto en Galicia como en Estados Unidos: «O seu falecemento constitúe unha inmensa perda».


Comentar