La Voz de Galicia

Carmín

Barbanza

MARÍA XESÚS BLANCO

02 Jul 2023. Actualizado a las 18:45 h.

Carmín. Esmeralda. Fulgor. Non a vira dende a última actuación. Tampouco nas redes sociais. No maxín unha e outra vez Liebestraum No 3, de Liszt. O tempo detivérase un instante na calor húmida do solsticio. Aquel incendio de estalotes. Devecía por pousar a miña meixela na súa. Á noite seguinte soñara coa humidade do carmín abrollando nos límites da súa boca. E tamén coa súa voz esmeralda. «Vémonos a vindeira semana, dixera». Mais no último minuto, dun xeito inexplicábel, suspendérase o concerto. Un día despois saíra na prensa a terrible noticia do seu atropelo.

Por iso foi tan especial vela onte no escenario. Estaba chea de coraxe e valentía. A luz, no oco, entre as omoplatas. Fixo unha actuación impecábel. Espectacular. O escintileo do carmín nas teclas do piano. Ao rematar, quixen dicirlle algo. Unha trivialidade. Darlle os parabéns. Calquera cousa. Como fixera aquela noite. Quixen contarlle que tamén hai corolas fermosas estradas no chan. Pensei que non sería quen de facelo. Impresionoume vela na cadeira de rodas. O desexo e a rabia contida nas cordas vocais. Esperei un anaco de tempo no vestíbulo do local. Axiña escoitei a súa voz borboriñando con outras no corredor. Achegueime con nerviosismo. Ela colleu as miñas mans con moita dozura e díxome ao ouvido: «Grazas por vir». E nun intre sentín o fulgor da súa meixela pousado na miña.

 

 


Comentar