La Voz de Galicia

Fósiles

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

31 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A pouco que pensen, daranse conta que o contido dos museos é un conxunto de obxectos fosilizados, que xa non serven para o fin para o que se crearon, ou ben pezas únicas que convén conservar e expoñer ao pobo, sen posibilidade de utilizalos, só miralos, e coas novas tecnoloxías, talvez imaxinalos e experimentar emocións relacionadas co ben exposto.

Son edificios fundamentais para a transmisión interxeracional do coñecemento, que recollen parte da historia material, ás veces inmaterial, de xeracións anteriores a nós, e que poden fortalecer o noso orgullo, o noso vínculo emocional coa comunidade que representan. Son sempre o baúl no que se garda a historia do país, fundamental para camiñar ao futuro. Polo tanto, lugares de peregrinación de nenos e estudantes, pero tamén para os nosos maiores, que encontran neles un sentimento de nostalxia, do pasado xa non existente.

Con todo, cando algo vai para un museo, fosilízase, polo que moitas veces hai que reflexionar sobre un posible novo uso antes de gardalo para mostrar. É o caso dos nosos cabazos, ou hórreos, que son símbolos emocionais da liberdade e soberanía alimentaria de varios séculos, cofres nos que se gardou a xoia máis prezada. É por iso que teñen símbolos, lendas, músicas vinculadas a eles. Agora vivimos unha época na que non temos moi claro a súa utilidade, polo que moitos fosilízanse, fóra dos museos, e esmorecen ata caer. O trámite que agora damos comezo na Rede Horrea, apoiados polos gobernos estatal e autonómico, debe darnos solucións para novas vidas que impidan que os perdamos para sempre, fosilizados.


Comentar