La Voz de Galicia

Carlos Callón, Veiras Manteiga e Centro Arqueolóxico, premios Barbantia

Barbanza

Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ
Carlos Callón co seu novo libro

A entrega dos sereos será o vindeiro sábado, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura de Lousame e no mesmo acto presentarase o Anuario de Estudos do Barbanza

10 Dec 2023. Actualizado a las 18:52 h.

Os socios de Barbantia xa decidiron os premios sereo 2023. No apartado de Traxectoria Cultural no Barbanza, o galardoado é o pintor noiés Xosé Luís Veiras Manteiga. Pola súa banda, o recoñecemento de ámbito autonómico recae nun barbancés con proxección superior, trátase de Carlos Callón Torres, lingüista e escritor ribeirense. E o Centro Arqueolóxico do Barbanza foi elixido no eido de Iniciativa Cultural no Barbanza. Cada un recollerá o corresponde sereo que identifica as distincións de Barbantia nun acto que se vai celebrar o vindeiro sábado, ás 12.30 horas, na Casa de Cultura de Lousame. Trátase dunha escultura elaborada por Soledad Penalta.

Os premios da Asociación Cultural Barbantia instauráronse no ano 2007 e neste 2023 cumpren a décimo sétima edición. Os primeiros en recollelos foron Isaac Díaz Pardo, no eido cultural galego; Xesús Suárez, pola súa traxectoria cultural no Barbanza; e O Faiado 2, pola iniciativa cultural na bisbarra. Dende entón, entregáronse as figuras dos sereos, que foron confeccionadas inicialmente polo escultor Manuel Teira, despois por Sargadelos e posteriormente por Soledad Penalta, a 45 persoas ou entidades —excluíndo aos tres primeiros xa citados e aos tres da presente edición—.

Listado de premiados

No ano 2008, foron recoñecidos Alfonso Costa, Manuel Dourado Deira e o Museo Etnográfico de Artes. No 2009, Xosé Luís Axeitos, o músico de Boiro Xosé Ramón España e o grupo de teatro Airiños de Asados. No 2010, o teólogo Andrés Torres Queiruga, o gaiteiro Pepe Romero e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza. No 2011, a poeta Eva Veiga, a pintora Paola García e a revista Casa da Gramática. No 2012, Xosé Ramón Barreiro, Xoán Mariño e o Liceo de Noia. No 2013, Manuel Mariño del Río, Aurora Marco e a asociación Ambar.

No 2014, recolleron os premios Soledad Penalta, Xulio Gutiérrez e o Ateneo Valle-Inclán. No 2015, Manuel Ayaso, Daniel Bravo Cores e a Semana Musical de Noia. No 2016, Maxi Olariaga, Quico Cadaval e o Museo do Mar de Noia. No 2017, o escritor Francisco Antonio Vidal, o pintor Manuel Romero e a Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño. No 2018, Blanca-Ana Roig, a pintora Maralla e a Asociación pola Memoria Histórica no Barbanza.

No 2019, os agraciados foron o pintor Xoán Fernández, a poeta e xornalista Ana Romaní e A Pousada da Galiza Imaxinaria. No 2020, Esther Carrodeguas, Clodio González e Terra de Outes. No 2021, Enrique Paisal, Manuel Caamaño e Cofradía da Dorna. E no 2022, Ana Blanco, Xesús Alonso Montero e o Museo do Gravado de Artes.

Como de costume, como colofón ao acto de entrega dos trofeos celebrarase un xantar de confraternidade no restaurante Trapeiro. Para asistir é imprescindible anotarse antes do venres 15 no mail da asociación Barbantia: barbantia@barbantia.es.

Máis de 300 páxinas integran o volume

Tamén é un clásico de Barbantia entregar o seu anuario coincidindo coa gala dos premios sereo e o xantar de confraternidade, e este ano non vai ser unha excepción xa que o volume 19 está no prelo. Trátase dunha publicación de máis de 350 páxinas con colaboracións de Xerardo Agrafoxo, Iria Caamaño, Manuela Pérez Mato, Xosé M. Sánchez Sánchez, Esperanza Mara, Ana Isabel Filgueiras, Pedro García Vidal, Suso Xogaina, Xoán Pastor Rodríguez, Dopico Orjais, Ana Miguéns Rey, Esperanza L. Mariño Davila, Román Arén, Xesús Santos, Carlos Cimadevila, Emilio García, Carmen Villar e Pilar Sampedro. Ademais, incorpora unha tradución de Margot Fernández, o balance anual e o listado de socios. Abre o Anuario de Estudos do Barbanza un limiar de Xosé Ricardo Losada.


Comentar