La Voz de Galicia

O de fóra, mellor

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

16 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Obucle no que se converteron as televisións xeralistas obríganos a botar man de canles culturais que nos transportan a outros lugares e outras culturas. Non sei se é mellor tragarse as liortas dos nosos políticos ou ter envexa do que fan fóra co seu legado.

A maior parte dos pobos europeos manteñen as súas tradicións, e séntense orgullosos da súa historia, respectando cada pedra e cada madeira das súas casas. Cóntannos cada pormenor das súas vilas, gabándose de ter conservada a súa historia e senten a necesidade de inmortalizala e fosilizala, ás veces a pena de perder comodidades do mundo contemporáneo.

Nós somos unha das excepcións. Todo o que vén de fóra é mellor que o noso. E pasa en todos os eidos da cultura, tanto na música como na arquitectura como nas propias festas: celebramos Halloween cando temos o día dos Defuntos. Nas conversas con vascos e cataláns indicáronme que invisten antes en artistas da súa comunidade que nos de outras. Nós preferimos investir en artistas de fóra. Non será porque sexan mellores que os nosos. E se temos que cargarnos a madeira dunha casa para poñer unha placa de cemento, non nos cortamos un pelo.

Con todo, dende hai tempo veño reclamando todas estas cousas, e xa temos algo claro, e recoñecémolo. Pero seguimos sen ter un estudo científico que nos xustifique o porque, que neurona dos galegos marchou, se a emigración foi clave en todo isto. Algo falla para que prefiramos o de fóra ao noso, e deste xeito perdemos a nosa identidade a pasos xigantes. Algo temos que cambiar, e moito. Debemos facérnolo mirar se non queremos pasar por parvos.


Comentar