La Voz de Galicia

A derradeira viaxe do Ondarroa

Barbanza

Milagros Torrado Cespón
Imaxe do buque de Naviera Vizcaína, que tiña case 145 metros de eslora

O mercante, co boirense Bautista Torrado a bordo, foi atacado e afundido en 1971 en Paquistán

23 Mar 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O Ondarroa foi un barco mercante da Naviera Vizcaína. Nesta navieira traballaron moitos mariñeiros barbanceses que coñeceron mundo nunha época na que as comunicacións eran imprecisas, as posibilidades en terra escasas, e as ganas de mellorar moitas. Unha embarcación de case 145 metros de eslora a cal afundiron e sobre a que o meu pai, Bautista Torrado, me contaba como o feriran nela.

O Ondarroa tiña como destino o porto de Chalna (Bangladesh) cando se meteu, sen querer, no conflito entre a India e o Paquistán. A mañá do 4 de decembro de 1971, mentres cargaban yute, a guerra indo-paquistaní deixou de ser unha sospeita para converterse nun feito.

Decidiron parar as tarefas e esperar, rodeados de bandeiras españolas para indicar que eles só viñan traballar. Eran iso das doce da mañá cando un avión elixiu a cuberta do Ondarroa para soltar unha bomba a modo de advertencia. Causou algúns feridos, coma o Bautista, que salvou a vida porque a metralla foi bater xusto no cinto e non o atravesou de lado a lado.

Vixiados dende terra, o capitán reuniunos a todos sen importar o rango. Tiñan que tomar a decisión de como marchar: de noite sen luces, de noite con luces, ou esperar ao abrente. Co medo da propia guerra, aínda viva no recordo dos máis veteranos, decidiron agardar e marchar pola mañá para evitar a incerteza da penumbra. «Que ben fixemos!», dicía meu pai, porque todos os barcos que decidiran arriar e fuxir de noite foran atacados e afundidos na escuridade.

Pola mañá, dispuxéronse a saír daquel pesadelo co medo de quen sabe que na guerra todo vale. Ao pouco, comezaron a chegar os avións de bandeira hindú, que ametrallaron, por fortuna, sen boa puntería, durante uns minutos eternos a embarcación. Había que fuxir. Eles non eran soldados. O capitán ordenoulle a toda a tripulación meterse nos botes salvavidas e ir cara á praia antes de que seguisen atacando.

Novo ataque

Remando con todas as súas forzas viron como volvían ao ataque, desta volta, con bombas que prendían lume aquí e acolá. Xa en terra, toda a tripulación a salvo, mirou con estupor como un ataque definitivo comezaba a facer fraquear a estrutura do Ondarroa e, sen remedio, afundía.

Trinta e seis homes, lonxe da súa casa, sen saber se volverían. Non tiñan barco, nin cartos, e case nin víveres. Meu pai era un mozo de 27 anos, coa muller loitando na casa por crear un futuro mellor, e un meniño de case 3 anos que non se lembraría del se non volvese. As novas que a ela lle chegaban eran imprecisas e desactualizadas. Había barcos afundidos, había vítimas. Non se sabían nomes.

O capitán decidiu dirixir as chalupas cara a Calcuta, polo Ganxes, infestado de cadáveres que apartaban cos remos. «Tiñamos dúas galletas, un caramelo e un vaso de auga ao día, metralla nunha cadeira e medo». Continuaron así ata que, guiados polas indicacións dos mariñeiros que foron atopando nas ribeiras, chegaron a porto o 9 de decembro. Era unha pequena aldea de pescadores onde pediron auga e comida con desesperación. Co receo da policía que sospeitaba que eran paquistanís, agardaron a que as autoridades confirmasen a súa nacionalidade e, por fin, comezaron a ter esperanza.

Trasladáronos ao Marine Club de Calcuta onde estiveron ben atendidos. Por fin, o 19 de decembro chegaron a Barajas onde as familias e a prensa os agardaban case sen creren que, despois de todo aquilo, regresasen vivos.

Imaxe do buque de Naviera Vizcaína, que tiña case 145 metros de eslora


Comentar