La Voz de Galicia

O refuxio

Barbanza

Manuel Gago Ribeira
Monte Pindo

03 Apr 2024. Actualizado a las 05:00 h.

stes días presentouse un interesante documental que poden ver en internet: Espazos da memoria. Monte Pindo, producido por Aantena e financiado pola Deputación da Coruña. A filmación aborda un dos aspectos menos coñecidos das moitas facetas da montaña: a súa condición de refuxio para os fuxidos durante a Guerra Civil española.

Hai testemuñas orais que preservan a memoria de aqueles homes que sobreviviron a través das segundas ou terceiras xeracións. Non hai moito máis tempo. Un dos aspectos que máis me sorprendeu —aínda que ten toda a lóxica— é que ao monte Pindo acudían a refuxiarse xentes dun amplo perímetro de toda a provincia da Coruña.

Eu sempre entendera que o seu uso se limitara á veciñanza de Carnota e como moito Corcubión, Cee ou Mazaricos. Por outra banda, nunha Galicia densamente poboada e sen as masas forestais de hoxe en día, non había moitos outros sitios que garantisen a posibilidade de se facer máis ou menos invisible.

Así que o Pindo formaría parte dunha épica xeografía de montañas e bosques-refuxio que atravesan o país enteiro e que protexeron as vítimas por un tempo. As fragas do Eume, a serra do Barbanza, o Xistral, os montes de Casaio. No documental visítanse algúns destes pequenos abrigos rupestres do monte Pindo dos que aínda se conserva memoria.

Deberan ser obxecto de estudo sistemático, protección e catalogación arqueolóxica. Xil Caamaño díxome: «mágoa que non se tivera feito o documental hai vinte anos». Para pechar esta tarefa non deberamos deixar pasar outros vinte.


Comentar