A fala
Barbanza
Vivimos inmersos nunha linguaxe híbrida
18 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Falar é a condición que nos une e nos identifica, como naquel conto de Castelao, do mariñeiro que fala francés e se atopa con outro que fala inglés nun porto estranxeiro, e chapurreando como poden, beben e fanse promesas de eterna amizade. Xa cando están ben borrachos un deles canta aquilo de «Lanchiña que vas en vela...» e o outro secúndao, «levas panos e refaixos para a miña Manoela». Os dous eran galegos, e cando saen, o taberneiro deixa escorregar unhas bágoas murmurando en voz baixa, «Lanchiña que vas en vela». O taberneiro tamén era galego.
Falar é a potestade que nos fai gregarios, o que nos permite relacionarnos e compartir desexos e inquedanzas, por iso nunca entendín a maldición de Babel, ou entendina como a perrencha dun deus vingativo e envexoso da capacidade humana para protexerse contra outra enxurrada que acabase con todo, contra as desgracias que mandaba, como entendo e eloxio o Pentecostes, como a facultade que o fillo dese deus rancoroso lle dá ós apóstolos para poder falar e entenderse nas distintas linguas do mundo. E tal vez por iso, porque son máis de Pentecostes ca de Babel, cando vou ó médico espero que entenda se lle digo que me doen os cadrís, que teño unha man escordada ou un pé aberto, do mesmo xeito que non me gusta que o técnico da televisión me diga que non vexo a galega porque o dipolo de media onda da yagui non está dimensionado para ese ancho de banda.
Vivimos inmersos nunha linguaxe híbrida na que pedimos que nos sirvan un «perrito caliente» e os máis snobs un «hot dog», cando realmente todos tomamos unha salchicha, neste país onde temos un idioma que, incluso se mantivo activo durante escuros séculos de prohibicións. Con el podemos entendernos en moitas partes do mundo, incluso na Lúa, se lle facemos caso á canción de Zapato Veloz.
Xa na década dos anos oitenta, a Agrupación Cultural O Facho fixera a proposta de unir ó Día das Letras (17 de maio) o Día da Fala (18 de maio), en conmemoración da creación das Irmandades da Fala, por iniciativa dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, na Coruña, co obxectivo de exaltar e fomentar o uso do galego en todos os estamentos da sociedade.
Tras A Coruña outras cidades galegas uníronse á iniciativa coas súas Irmandades, así como Bos Aires, A Habana e Madrid, que en novembro de 1916 xuntáronse para celebrar a Primeira Asemblea Nacionalista, de onde sae o manifesto que define a Galicia como nación, pedindo por vez primeira a autonomía e o uso do galego como idioma cooficial dentro do territorio galego.
O golpe militar de 1936 acabou con elas, pero non puido co idioma, que se mantivo vivo, sobre todo, na fala, o seu principal soporte.
Remato contándovos a anécdota vivida con miña irmá en Nápoles, un día en que decidimos facer unha merenda a base de doces típicos da cidade, e ela, sempre moi disposta, negociou coa encargada da pastelería o menú de todos nós. Eu a un lado do mostrador observaba como unha falaba en galego e a outra en italiano, e ambas se entendían. Ó final a curiosidade fíxome preguntarlle á encargada de onde era. Era unha emigrante de orixe brasileira.